Francisco García

O alcalde nacionalista de Allariz afronta o que será o seu último mandato coa dinamización do rural alaricano como grande reto.

Francisco García recíbenos no seu despacho na casa consistorial de Allariz, onde leva sendo alcalde desde o ano 2000.

Este é o seu cuarto mandato, de novo con maioría absoluta, en Allariz non hai escándalos de corrupción, nin imputados, cal é a receita do seu éxito?
Francisco García: “Un goberno ao servizo do pobo ten sido unha das nosas máximas desde 1989. As prácticas que están salpicando ao mundo da política están relacionadas con gobernar pensando nos intereses persoais, o noso esforzo ten sido sempre defender os intereses xerais. Ten sido unha xestión de moita transparencia, de moita participación social. Allariz é un concello con paredes de vidro”.

Como valora este resultado?
F.G.: “Os resultados electorais foron extraordinarios para o BNG. Despois de 26 anos de goberno municpal, ter o 66% dos votos, para nós é un orgullo e tamén un reto e unha responsabilidade, para responder a este apoio dos veciños.
A perda de nove puntos e un concelleiro no PP propiciou que o PSOE entrara de novo na corporación. Está sendo unha correlación de forzas habitual. A presenza do PP e do PSOE para nós vai ser a oportunidade de contrastar propostas e estar atentos ás suxerencias que poidan presentar e que redunden no interese xeral”.

Cada vez a xente demanda máis transparencia e a participación cidadá nas administracións, como a aplica Allariz?
F.G.: “Efectivamente a Lei de Transparencia leva á obrigatoriedade de publicación dalgunha das medidas, pero a veces é unha política máis aparente que real. Para nós é unha actitude na xestión municipal, que implica que os plenos sexan as 8 da tarde para que poidan acudir os veciños, que poida haber un turno de intervención dos veciños desde o ano 89, que haxa unha política informativa dos asuntos municipais que permita que a poboación estea ao tanto, mesmo nalgúns casos temos recorrido a fórmulas de consulta cos veciños en asembleas. En mesas de contratación, tribunais… hai unha participación de todos os grupos políticos”.

Na entrevista que lle facíamos antes das eleccións destacaba como prioridade a recuperación do medio rural, que accións concretas realizará o seu goberno?
F.G.: “Allariz é un concello con 92 núcleos, con 88 km2, cunha dispersión importante. Dase a circunstancia de que medramos poboación pero como contrapunto negativo preocúpanos o envellecemento e a falta de perspectivas de futuro nas parroquias.
É algo que excede con moito o ámbito do Goberno municipal, no que inciden moitas outras políticas. Non nos referimos a que non haxa infraestruturas, servizos básicos, mesmo a posibilidade de manter unha calidade de vida, que si o hai, o que non hai é actividade económica. Estamos intentando desde fai tempo poñer o acento niso, de igual xeito que xa o fixemos en Allariz.
O sector primario ten sido outra das nosas preocupacións: o mercado da Reserva da Biosfera para impulsar a comercialización desta produción, apoiando os emprendedores que están valorizando os nosos produtos: cervexa, mel, castañas, carne, leite, caprino…”

Realiza o Concello un apoio económico?
F.G.: “É un apoio moi diverso; buscamos que todas estas explotacións teñan o respaldo municipal do xeito máis global posible, nalgún caso sendo nós os impulsores. Estamos traballando en poñer en valor o propio oficio de labrego, de gandeiro, e ao mesmo tempo buscar actividades económicas que sexa posible desenvolver no medio rural, unha oferta que non só ten que ver co sector primario senón co sector servizos, temos parroquias moi interesantes como Santa Mariña de Augas Santas ou San Salvador e o grao de conservación dos nosos núcleos é moi bo.
E aproveitando algo que Allariz ten, que é unha marca, unha afluencia turística e unha rede comercial que debería permitir incrementar a actividade económica nese medio rural. Estamos pensando en abrir coa marca Allariz noutras localidades, en Vigo, en Portugal, País Vasco…”

Como unha tenda propia?
F.G.: “Como unha tenda propia na que se vendería toda a produción que Allariz está tendo, pero o primeiro esforzo hai que facelo no propio concello. Non é de recibo que en moitos restaurantes non teñan a posibilidade de degustar amendoados, leite, castaña, empanadas, embutidos, a nosa produción local”.

Ese camiño estano percorrendo sós ou hai apoio doutras administracións?
F.G.: “O Concello leva unha marcha moi superior ao apoio que outras administracións están facendo neste ámbito, pero si é certo que a través de programas como o Leader, os fondos de Agader, temos conseguido apoio a postas en marcha de proxectos no noso territorio, a Reserva da Biosfera tamén ten sido un aval a esta política. Pero segue habendo medidas na dirección contraria: a regulación que se ven de facer da venda de produción de horta e de rianxo, por exemplo”.

Inflúe a cor política á hora de ter apoio doutras administracións?
F.G.: “Que hai clientelismo e que nalgunhas institucións hai unha actuación discriminatoria cos concellos que non son do PP é certo. De todas formas nós temos mantido unha posición de cooperación institucional, temos acudido a ordes de subvencións, estamos mellorando os centros municipais con algún apoio exterior.
Referíame máis a que esta política de impulso ao mundo rural a facemos moi en solitario, ou a unha velocidade moito máis forte que outras administración”.

E teñen agora algunha petición de novas infraestruturas para o municipio?
F.G.: “Allariz ten conseguido poñer en marcha un nivel de equipamentos que a propia oposición recoñece, e que fai que neste momento non exista ningunha necesidade imperiosa de ningunha infraestrutura deste calado. Hai concellos de máis de 20.000 habitantes que non gozan das instalacións que podemos ofrecer.
Non obstante, hai proxectos estratéxicos para nós: nos gustaría incrementar a velocidade de recuperación do castro de Armea, imos propiciar a través da Universidade de Vigo unha interlocución coa Consellería de Cultura para recabar unha vez máis o seu apoio a ese proxecto. Temos realizado obras para o Centro de interpretación da idade media no Castelo e falta basicamente o proxecto museográfico, tamén intentamos contar con ese apoio.
E o impulso ao novo programa que pretende que o 80% do lixo poida ser aproveitado e reducir a fracción que enviamos a Sogama tamén vai necesitar apoio doutras administracións”.

Allariz é un dos concellos que aumentou a súa débeda no período 2011-2014.
F.G.: “Allariz, co plan de pago a provedores, viuse obrigado a suscribir dous préstamos que situaron a débeda total ao redor dos cinco millóns de euros. O esforzo económico que temos feito estes anos para impulsar toda esta actividade que Allariz ten levou a un endebedamento ocasionado, en boa medida, polo feito de que a comercialización do parque empresarial de Chorente non levou o ritmo que era o habitual. Unha situación que nos levou a manter unha política de axuste, mesmo para non despedir persoal.
De todas formas á hora de analizar a solvencia dun concello non só deberíamos ver a variable da débeda contraída coa banca, que é unha débeda a 10, 12 anos; hai que ver tamén cal é o seu patrimonio, Allariz ten un patrimonio extraordinario. E tamén os ingresos. Os ingresos ordinarios son susuperiores aos gastos ordinarios, temos seis millóns de euros anuais de orzamento e vimos tendo un millón de euros de superávit”.

Dixo que este será o seu último mandato, que prevé para o seu futuro?
F.G.: “A miña intención é volver á miña actividade profesional, seguir obviamente vinculado ao traballo político do BNG, onde tiven cargos e sigo tendo. Pola miña parte a expectativa non está en dedicarme a outras tarefas no ámbito parlamentar e institucional, son partidario en volver ao ámbito profesional”.