O alcalde popular de Celanova, José Luis Ferro, achéganos aos proxectos que afronta o seu goberno nos próximos catro anos.
Para José Luis Ferro a vida pouco cambiou despois do 24 de maio. Segue a ser alcalde de Celanova e segue apostando pola proximidade e o diálogo. Pero agora goberna, segundo confesa, con máis tranquilidade, a que lle deu lograr a maioría absoluta por si mesmo. Falamos con el para coñecer como se atopa, como afronta este mandato cun equipo notablemente renovado e para tratar un dos temas máis polémicos do seu goberno: o seu soldo.
Como te encontras?
José Luis Ferro: “Encóntrome moi satisfeito porque non agardaba un resultado tan avultado positivamente. Pero tamén con moita presión por corresponder aos votantes, e aos non votantes. Moi animado e pensando en traballar moito, no futuro e en todo o que queda por facer nestes catro anos.
No día a día eu non notei diferenza, sigo traballando a tope, si é certo que tes a mente máis centrada na xestión do Concello e máis tranquilidade”.
Foi un resultado persoal?
J.L.F.: “O que me trasmitiu a xente despois das eleccións é que tiña que traballar porque confiaran en min, como se eu fora o responsable máis directo da vitoria. Ao ir de cabeza de lista se gañas é lóxico que en gran parte se deba a ti, pero sei que son un recén chegado e contaba cun equipo con experiencia. Ademais, a renovación foi moi ampla e iso xerou expectativas de cambio e de ilusión nos veciños”.
Como ves aos veciños nestas semanas?
J.L.F.: “Todo o mundo me felicitou, incluso algún que non me votou. En canto ao novo equipo están esperando o que fagan, pero sempre no plano positivo, porque é xente nova que trae ilusión, non ven viciada e que pode achegar ideas”.
Considerabas necesaria a suba do teu soldo dos 32.900 euros brutos ao ano (que establecera a oposición cando o PP gobernaba en minoría) aos 45.000 que permite a lei (para alcaldes de municipios con entre 5.000 e 10.000 habitantes)?
J.L.F.: “A sentenza non é firme, está recurrida. E independentemente do que saia quero deixar claro que non estou acá por motivos económicos. Xa o demostrei cando cheguei, gustaríame ver a algunha persoa da oposición na miña situación naquel momento. Decidín daquela baixar un 27% a masa salarial respecto á do anterior alcalde. Esa decisión tomeina pola situación económica, sen coñecer a dedicación que ten un alcalde dun concello como o de Celanova. Pero teño como criterio os salarios dos técnicos, porque teño responsabilidade igual ca eles, a miña sinatura vai ao lado dos seus informes. Non obstante, eles son funcionarios e ás 3 rematan a xornada, e ao alcalde non lle pasa iso.
Penso que se ten que valorar máis o labor e o traballo dun político. Entendo que é un tema moi demagóxico porque hai situacións sangrantes, moita xente necesitada, moito paro; pero un político se é un bo xestor, se soluciona os problemas dos veciños, se está a disposición todos os días, traballando polo seu pobo, creo que a dedicación vale algo.
Paréceme ben que a lei limite os salarios, de feito, creo que debería fixar a cifra exacta para unha dedicación exclusiva ou parcial, non crear un arco tan amplo, para que quen entre en política saiba a que aterse.
De todos os xeitos, non teño intención de recuperar eses cartos, pero iso si, ninguén está por enriba da lei, polo que se eu gañase eles terían que ter algunha responsabilidade.
Ademais, a lei tamén permite un asesor e eu non o teño.
Entendo que ten menor custo un edil da oposición, que gaña 100 euros e pico por pleno, que os 45.000 do alcalde, pero pode que o concelleiro non achegue nada. E isto non o digo por ninguén en particular, que conste.
Pero quero deixar claro que o meu soldo e as dúas dedicacións supoñen só o 2,5% do orzamento do concello. Non me parece nin excesivo nin fóra de lugar”.
Hai dúas dedicacións parciais (as de Máximo Losada e Pilar Regueiro) que perciben 1.457 euros brutos/mes. Non semella un pouco alto para o nivel de vida de Celanova?
J.L.F.: “Se o que cobra o alcalde parece moito pois tamén o parece o deles. Pero están ao pé do canón todo o día, co teléfono dispoñible sempre para os veciños. Ademais, teñen moito persoal, xestionan áreas amplias. O criterio que utilicei para subir o meu salario apliqueillo a eles, porque non quería ter ningún agravio comparativo”.
Celanova ten tres problemas principais: demográfico, falla de prazas hoteleiras e ausencia de actividade no sector primario. Son prioridades?
J.L.F.: “Si. No referente ao sector primario estamos ofertando un obradoiro de emprego que tivo a selección o 6 de xullo. Tratará sobre a apicultura, a micoloxía e a panadería e repostería, para tratar de promocionar os nosos produtos autóctonos, que tamén poden ser obxecto de atracción turística.
Para conseguir asentamento de poboación, estamos preparando unha revisión de ordenanzas para premiar o empadroamento, porque hai moita xente que está en Celanova todo o día pero está empadroada en concellos limítrofes, polo que lles prestamos servizos ao mesmo prezo que aos nosos veciños. Por iso, estamos mirando de que as taxas sexan máis económicas ou facilitarlle aos veciños algún beneficio fiscal na medida do posible.
En canto ás prazas hoteleiras, estamos intentando que algunha cadea hoteleira se interese por Celanova ou que algún empresario colla de novo o Betanzos.
E tamén queremos potenciar o comercio, porque Celanova ten un gran mercado semanal e hai que recuperar a tradición que tivo sempre como referente da comarca”.
Nunha entrevista en 2013 falamos de varios proxectos e infraestruturas que estaban paralizados. Queremos saber como se atopan agora.
– Recuperación do xacemento orixinal de Castromao: “Imos ter unha pequena inversión de 15.000 euros para a limpeza e consolidación dalgún muro que poida estar derruído. Ademais, a nosa intención é por enriba da mesa os nosos resultados electorais para poder pedir máis investimentos nesa liña. De todos os xeitos, nunca estivo olvidado nin abandonado por nós, independenteme de que a oposición nos criticou”.
– A estación de autobuses: “Buscámoslle noivas, pero non lle atopamos ningunha. Falamos con varias persoas e non se animaron. Temos medo de sacala a concurso e que quede deserto, pero sacarémola igual. Cremos que como mellor pode funcionar é da man de algúen do pobo, que coñeza o entorno e sexa el coñecido”.
– A ampliación do parque empresarial: “A ampliación xa pasou a aprobación inicial, o periodo de alegacións e penso que non houbo ningunha. Neste mes seguramente teremos a aprobación definitiva e xa se pon a disposición o terreo para buscar en serio empresas”.
E o Plan Xeral?
J.L.F.: “Temos que darlle un impulso, non sei que prazos nos levará, pero neste mandato hai que avanzalo porque a estruturación urbanística sempre é moi importante”.
Como afrontas estes catro anos en canto á relación coa oposición?
J.L.F.: “Son unha persoa próxima e dialogante e así seguirei. Pasei situacións complicadas nestes dous anos e medio pero sempre mantivemos o diálogo entre os grupos. En canto á xente nova que entrou na oposición estou vendo boa predisposición, críticos, como non pode ser doutra maneira, pero con formas e tranquilidade, e achegando ideas”.
Envíalle unha mensaxe aos veciños.
J.L.F.: “Quero mostrarlles o meu agradecemento e esperamos estar á altura do que nos van esixir. Ademais, eles saben que teñen acceso directo co alcalde sempre, sexa no despacho ou na rúa”.