A convocatoria aprobada pola Xunta de Goberno Local repartirá 50.000 euros e dará apoio a programas e actividades dos colectivos veciñais.
O Concello de Ourense reforzará este ano o apoio ás actividades que desenvolven as asociacións de veciños da cidade a través da súa convocatoria de subvencións para o presente ano 2015. A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na sesión deste xoves esta liña de axudas, na que figura unha achega económica de 50.000 euros.
A concelleira de Participación Cidadá, Belén Iglesias, foi a encargada de presentar esta convocatoria que regulará as subvencións para o funcionamento e realización de programas ou actividades por parte das asociacións de veciños inscritas no rexistro de entidades cidadás do Concello de Ourense. “Será susceptible de entrar nesta convocatoria de axudas calquera actividade, eventos, excursións, obradoiros, conferencias, xornadas, festas…”, segundo apuntaba a titular de Participación Cidadá. A subvención regulada nesta convocatoria supón un incremento de 5.000 euros sobre a do ano 2014 (na que foran destinados 44.879,55 € a esta partida), algo máis dun 10,3% superior.
Belén Iglesias quixo destacar, igualmente, a intensa axenda de actividades da súa concellería. “Pasamos as últimas semanas facendo visitas aos barrios da cidade e mantendo reunións cos veciños”, dixo. Entre elas, destacou as reunión coa Federación de Asociacións de Veciños Limiar de Ourense e coa Agrupación Miño, nas que tamén participou o alcalde Jesús Vázquez. Do mesmo xeito, o traballo de campo para coñecer de primeira man as inquidanzas e peticións desde primeira hora da mañá: “Só nesta semana visitamos a asociación da Plaza 500, Barrocás e Sta. Mariña do Monte, e que veñen logo das que xa tivemos coas AA.VV. A Granxa, San Miguel de Canedo, Bo Xesus de Ceboliño, Virxen da O de Zain, Sta Marta de Velle, entre outras”. Neste sentido, Iglesias quixo destacar a masiva participación dos veciños na dinamización social das iniciativas de base.
Esta mesma tarde (19,00 horas), o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e a concelleira Belén Iglesias manterán un encontro con todas as asociacións veciñais de Ourense na Sala José Ángel Valente para informarlles desta convocatoria es estreitar a colaboración entre o Concello e estes colectivos.
Representante do Concello na asociación Ruta do Viño de Ribeiro
Na mesma sesión, a Xunta Local acordou designar á concelleira de Turismo e Termalismo, Isabel Castelo, como representante do Concello na asociación “Ruta do Viño do Ribeiro”.