O sábado 25 de xullo, ás 18 horas, actuará nas Piscinas da Granxa co seu espectáculo “Acción”.

 

O acto está integrado na programación de Cultura no Camiño 2015, e patrocinado polo Concello de Verín e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

“Acción” é un espectáculo creado para espazos escénicos non convencionais e público familiar. A orixinalidade, a comedia e o drama fúndense no espectáculo coa maxia visual. Efectos de maxia coa mente, con alimentos e mesmo co propio corpo do mago, sácanlle un sorriso ó público e demostran que todo é posible. Dedde os clásicos máis perigosos da maxia até o máis novedoso e disparatado que á mente do mago se lle pode ocorrer, xúntanse neste espectáculo.

A compañía do Mago Dani García leva desde o ano 2004 percorrendo Galicia cos seus espectáculos (Maxiaterapia, Acción, Da’Kara, Don Gelati). Dani García actuou no XXVI Congreso Mágico Nacional (Zaragoza, 2004), XXVIII Congreso Mágico Nacional (Barcelona, 2007), XIX Festival Internacional Magic(Valongo-Portugal, 2011) e no XXXI Congreso Mágico Nacional (Círculo de Bellas Artes-Madrid, 2011). En 2011 viaxou aos Estado Unidos para completar a formación artística coa Society of American Magicians, a International Brotherhood of Magicians e o Juggling Club da Washington University (St Louis, Missouri).