Trataron as demandas deste colectivo que pasan por unha “maior coordinación, formación e concreción en competencias”.

Representantes de Ourense en Común e os delegados sindicais da Policía Local de Ourense mantiveron unha xuntanzaa na que estes puxeron en coñecemento da formación política algunhas das súas demandas máis repetidas e nas que están traballando a día de hoxe.

Entre elas atópase a existencia de poucos efectivos (1.8 policías por cada 1000 habitantes segundo marcan os estándares europeos), actualmente a RPT recolle 124 e hai 103, a RPT de 2011 recollía 134.
Ademais, denuncian que falta policía de carácter específico para sancionar en materia de ruídos, medio ambiente, ordenanzas… hai un mal reparto de efectivos, “ deixando efectivos en oficina e baleirando a rúa”, aseguraron.

Así mesmo, consideran que a imaxe da Policía Local conta cunha imaxe degradada, “por actividades herdadas e limitadas (referíndose, por exemplo, ás sancións de tráfico) e politizadas e fóra das nosas competencias (como o derrubamento da casa de Reza)”, explicaron. E propoñen a creación dunha área de seguridade cidadá e emerxencias, para analizar as intervencións, buscar coordinación co equipo de bombeiros, prioridades, emerxencias, etc.

Tamén consideran preciso “remunicipalizar” servizos privatizados como o da hora e a grúa, asumindo o persoal actual. Un proceder que permitiría “minimizar posibles dinámicas corruptas, aforrar fondos públicos, auditoría de servizos e cláusulas”, din.

Neste senso, denuncian a pouca ou nula xestión do servizo de Policía Local por parte dos responsables políticos, que levou a “corrupción, falla de transparencia e escurantismo na xestión, e arbitrariedade na cadea de mando”.  Para esta forza de seguridade a súa función é clara, e un mellor servizo pasaría por “maior coordinación, formación e concreción en competencias”.