Os interesados en participar no desfile de farois do sábado 1 de agosto poden anotarse até as 14 horas do propio día.
Un ano máis, co inicio do mes de agosto chegan a Celanova as súas tradicionais festas na honra da Virxe da Encarnación, que se celebrarán os vindeiros 1 e 2 de agosto, e que teñen como acto central a procesión de farois da Ramallosa o sábado ás 11 da noite, cando o alumeado público se apaga e as inxeniosas creacións de papel ou tela se iluman ante centos de veciños e visitantes.
Os interesados en participar nesta procesión poden inscribirse ata as 14 horas do sábado na oficina de Turismo da vila. Neste desfile haberá tres modalidade de premios: aos mellores farois artísticos confeccionados polos propios participantes; aos mellores ramos tradicionais (de calquera árbore autóctona) engalonados con farois; e á mellor decoración da fachada ou local comercial. En cada unha destas modalidades repartiranse dous premios, un primeiro por valor de 300 euros e un segundo por valor de 100.
Moita música
Pero os festexos contarán cun pequeno preámbulo o venres, mediante un concerto da Banda de Zamora no Claustro Barroco. Xa o sábado, a música correrá a cargo das orquestras e charangas Mekánika, BCB, Compostela, Caliqueños, Os Roquiños e O Castelo, que actuarán ata a madrugada.
A Banda de Música de Celanova será a protagonista do domingo, co pasarrúas matinal e amenizando a sesión vermú; así mesmo, ofrecerán un concerto no Claustro ás 20 horas. A orquestra Los Príncipes actuará durante a tarde e a noite do remate desta celebración.
Festas de San Roque
Pero na vila de San Rosendo só acaban de comezar as festas, xa que do 12 ao 16 de agosto San Roque será o protagonista dos festexos, que contarán coas actuacións das orquestras Panorama, Filadelfia, Aché, Nevada, Ébano e Essencia; así como das bandas de música de Celanova e Vilanova dos Infantes. Os fogos artificiais que tradicionalmente pechas esta celebración aínda están pendentes de confirmación.