Incendio Palmés

O lume iniciouse ás catro da tarde deste martes. Foi detida unha persoa como presunta autora do incendio, que quedou en liberdade con cargos.

Permanece activo o incendio rexistrado no concello de Ourense, parroquia de Palmés, pero a Consellería de Medio Rural vén de desactivar a “Situación 2” medida preventiva activada este martes á tarde porque o lume podía afectar á poboación e a bens non forestais e requería a adopción inmediata de medidas de protección e socorro. Segundo informa a Policía Local de Ourense, o lume segue activo pero controlado.

Os corpos de seguridade detivon a última hora de onte un home como presunto autor do lume, que foi posto en liberdade este mércores pola tarde, pero ao que se lle imputa un delicto de incendio forestal (penado con ata cinco anos de prisión). A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, agarda que «todos os procedementos sancionadores e toda a forza da lei caerá sobre aqueles que están causando tanto dano».

O incendio iniciouse ás 16:03 horas do martes e afecta, segundo novas estimacións, ao redor de 197 hectáreas. No seu control traballan 1 técnico, 9 axentes forestais, 28 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 12 helicópteros e 11 avións. Tamén están colaborando membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Deste lume tiveron que ser evacuados un axente forestal e un brigadista a causa dunha posible intoxicación por fume. Ambos foron trasladados conscientes a senllos centros médicos da capital ourensá e evolucionan favorablemente. Ademais, un helicóptero do Servizo de Extinción sufriu unha avería técnica ao tomar terra para recoller a súa brigada para colaborar nos labores de extinción doutro incendio. 

Intencionalidade clara

Rosa Quintana resaltou «que está claro que son intencionados» incendios como o de Palmés, que comezou con catro focos e «despois empezou outro en Velle preto do Pereiro de Aguiar con outros catro focos,». Nese sentido, apuntou que esta pasada fin de semana houbo 24 lumes en Galicia «dos cales 21 empezaron as 9 da noite e as 6 da mañá, é difícil atribuir a unha causalidade un incendio a esas horas».

Por iso, Quintana recordou a prohibición de facer calquera lume no monte nesta época de alto risco. «E pídolle á xente un pouco de sentido común, non se pode dicir que vou facer unha queima de rastroxos nun momento no que está prohibido, iso non é unha neglixencia, é un delito porque algo que está prohibido non se pode facer, e se se fai, e logo ten consecuencias, logo non vale lamentar, porque no incendio de onte en Ourense puideron arder casas».

Ata a zona do incendio desprazouse onte á noite o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, para coordinar tanto os traballos de extinción como as medidas de protección adoptadas. Fernández-Couto explicou que a última hora da tarde «os flancos están con puntos intermitentes de lume e onde estamos concentrando todo o esforzo é na cabeza, onde queda lume». Tamén acudiron ao lugar o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

Desde o Concello de Ourense informan que o subministro eléctrico na zona recuperarase ao longo da mañá.

Estabilizado Vilardevós

Estabilizado desde as 00:30 horas desta madrugada un lume rexistrado no concello de Vilardevós, parroquia de Arzádegos, tras comezar ás 18:07 horas da tarde de onte. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de 102,45 hectáreas, das cales 14,62 sonde superficie agrícola. Nos labores de control levan participado 1 técnico, 4 axentes forestais, 11 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 1 avión.

Controlado Pereiro de Aguiar

Está controlado dende ás 01:13 horas da madrugada un lume no concello de Pereiro de Aguiar, parroquia de Sabadelle, que comezou onte ás 19:50 horas. Segundo estimacións provisionais a superficie afectada é de 21 hectáreas, das cales 18 son de monte raso e o resto de arborado. No control deste lume levan traballado 5 axentes forestais, 8 brigadas, 8 motobombas, 2 helicópteros e 3 avións.

Exntiguido Entrimo

Extinguido ás 09:40 horas de hoxe o lume no concello de Entrimo, parroquia de Galez, tras comezar ás 17:37 horas da tarde do luns. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de 15,2 hectáreas arboradas e 4 rasas. Nas tarefas de extinción levan participado 5 axentes forestais, 16 brigadas, 7 motobombas, 6 helicópteros e 5 avións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.