Laura Seara

Socialistas e nacionalistas presentan novas iniciativas no Congreso sobre as obras da alta velocidade en Ourense.

 

A deputada socialista ourensá Laura Seara asegurou este martes, nunha rolda de prensa celebrada en Ourense, que a ministra Ana Pastor mentiu nas respostas parlamentarias ofrecidas ás preguntas da socialista cando afirmou ata en dúas ocasións que non había nin retrasos nin paralizacións nas obras do AVE entre Lubián e Ourense.

Seara, que formulou máis de 179 preguntas sobre o AVE a Ourense durante os últimos períodos lexislativos, denunciou que “o Goberno de España escorre o vulto e se nega a respostar a todas as preguntas sobre o grao de execución dos tramos do AVE, porque non se corresponde a verdade cos titulares que a Ministra e o PP levan dando estos últimos meses sobre o AVE”.

“É inconcebible que o Goberna minta a un deputado na oposición e resulta patético que o faga cando ademais esa mentira vai a aflorar tarde ou cedo, como así sucedeu”, engadiu a deputada.

Seara anunciou a presentación de novas preguntas e a solicitude de comparecencia da ministra. Pero ademais, apuntou unha nova vía que empregarán os socialistas para obter as respostas que o Goberno lles nega. “Iremos á Oficina Presupostaria das Cortes para que este comportamento tramposo non quede impune” sinalou. “Esta Oficina foi creada por Lei en 2010 e entrou en funcionamento en 2012. Esperemos que o Goberno non sexa capaz de mentir e burlar directamente ás solicitudes que lles faga esta Oficina e que nós presentaremos previamente”.

Ademais de preguntar polas causas dos retrasos e da paralización das obras, Seara interésase polas esixencias plantexadas polas empresas (dato que apuntou a ministra como causante dos retrasos) e cal é o motivo polo que o Goberno negou nas súas respostas parlamentarias a existencia de retrasos e paralizacións nas obras do AVE Lubián-Ourense.

O BNG non ve sostible a data de 2018
Tamén están preocupados polo avance das obras do AVE na provincia de Ourense no BNG. A súa deputada no Congreso, Rosana Pérez, vén de presentar unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa dirixida á Ministra de Fomento para preguntarlle “como é posíbel que Fomento aínda non lograse desbloquear a situación xerada coas empresas concesionarias polo parón na execución das obras “do suposto AVE a Galiza” desde hai oito meses.

Lembra Rosana Pérez que xa en decembro do 2014, o BNG dirixíase ao Ministerio debido á práctica paralización na construción das obras de varios tramos do AVE galego. “Advertíamos xa daquela que o tramo máis atrasado é o de Taboadela-Ourense”. “Entón era un segredo a voces o parón das actuacións en varios tramos que van desde Sanabria até A Gudiña. De feito, denunciábamos o despedimento de máis de 150 traballadores”.

Mentras, o Ministerio “limitouse ao seu machacón estribillo de que asegurar que se ía cumprir o prazo de 2018, igual que agora”. A deputada do BNG voltou presentar iniciativas en febreiro e no mes de marzo. Por fin, salienta, “coñecemos a verdadeira razón do parón, as diferenzas de criterios coas adxudicatarias pola presentación de modificacións nos proxectos a raiz das escavacións de túneis. Adif alegou que tiña que revisar as novas propostas”.

A parlamentar nacionalista sinala que os meses van pasando “sen que nada se mova, entón é hora de cuestionar os prazos temporais. É evidente que non é sostíbel o prazo de 2018”.

Pérez demándalle á ministra de Fomento “a verdade, sen acusacións baldeiras que nada aportan aos cidadáns e que demostran a ineficacia dunha Administración que aínda non resolveu o problema”. Razón pola que formula unha batería de preguntas a Fomento: “Cre de verdade que resulta críbel que unha Administración, dona dos proxectos, sexa incapaz de desbloquear esta situación? Non é posíbel que Fomento deixe de entreternos con campañas e tome cartas no asunto con maior rigor e seriedade?”.

Ademáis, solicita ao Ministerio se mantén a data de 2018, que detalle o estado exacto dos distintos tramos de construción entre Sanabria e A Gudiña, cales están parados, e pide que explique se se van investir os 891,4 millóns contemplados nos Orzamentos estatais.