A proposta da CIG, o Concello de Verín celebrará un pleno e acto público para outorgar distincións ás vítimas da comarca de Monterrei.

 

Tras a proposta formulada pola CIG de organizar un acto institucional de homenaxe ás vítimas do franquismo na comarca de Monterrei, o grupo de Goberno do Concello de Verín vén de tomar o acordo de celebrar, o próximo día 6 de agosto, un pleno da corporación municipal, co obxecto de outorgar distincións aos veciños, políticos e sindicalistas executados, apresados e represaliados polo franquismo.

Rematado o pleno, sobre as 21.30 horas da noite, tamén se desenvolverá, na praza da Concello de Verín, un acto público de homenaxe ás vítimas e entrega de distincións aos familiares.

A petición realizada pola Unión Local da CIG de Verín, persegue que “o Concello de Verín conceda, a título póstumo, a unha serie de persoas que protagonizaron a vida da nosa vila nos momentos previos e posteriores ao golpe de estado de 1936, as distincións e honores que merecen, por ter entregado as súas vidas e patrimonios á causa da liberdade e da democracia”, explican.

Ademais, preténdese proxectar tal recoñecemento non só ás persoas propostas para seren distinguidas, senón tamén a todos os represaliados e resistentes ao franquismo da comarca, que son máis de 500 oficialmente contabilizados.

Proposta da CIG

A proposta da CIG pedía conceder distincións, a título póstumo, como fillos predilectos da vila de Verín aos condenados o 22 de maio de 1937: Juan Antonio Álvarez, Ernesto Ramos, Sixto Salgado, Manuel Cadavid, Luís Álvarez, Manuel Sola, Enrique J. Cardoso, Adolfo Iglesias, Constatino Gago, Ramón Quintas, Francisco Vaz, Celso Blanco, Manuel Cabido, Gregorio Barreiras, José Sola e Fernando Suárez; así como fillos adoptivos, os condenados na mesma data: Carlos Reino, Lino García, Ricardo González, Gerardo Rodríguez, José Pérez e Pedro Justo.

Así mesmo, demandaron outorgar a insignia de ouro do Concello de Verín ás persoas executadas, asasinadas, fuxidas e represaliadas durante o franquismo, naturais da comarca de Monterrei, dispoñendo a exhibición de tal insignia, con carácter permanente, nun lugar público e preferente da Casa do Concello; e colocar unha placa conmemorativa na fachada do Concello, cunha lembranza especial a Carlos Reino (alcalde de Verín), Xoán Antonio Álvarez (tenente alcalde), Ernesto Ramos (concelleiro), Sixto Salgo (sindicalista) e Lino García (director do xornal “El Nuevo Támega”); ao tempo que se lle conceda a varias prazas e rúas do municipio o nome dos mesmos nun prazo de 12 meses.