O departamento autonómico achegará un total de 12.000 euros.

 

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o alcalde de Riós, Francisco Armando Veiga, asinaron este xoves un convenio de colaboración para acondicionar o edificio multiusos que albergará un centro de atención integral a maiores na localidade.

A responsable autonómica e o rexedor local reuníronse en Santiago para ratificar este acordo, que recolle unha achega dun total de 12.000 euros por parte da Consellería, que se destinarán ás obras necesarias para acondicionar o local.

Grazas a este investimento, a localidade poderá contar cun centro de atención integral para os maiores. Nel, os usuarios poderán acceder a actividades relacionadas co envellecemento activo e a promoción da autonomía persoal.

Esta non é a única liña de colaboración aberta co concello de Riós. O departamento autonómico colabora tamén co goberno local noutras actuacións en materia de benestar, a través de iniciativas como o financiamento do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes (as horas asignadas veñen de ser incrementadas en case un 20%, ata as 911 horas); ou como a contratación de dous perceptores da RISGA a través dunha subvención que supera os 12.000 euros.