A Coordinadora Comarcal de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres convoca para este domingo 2 de agosto ás 20 horas unha concentración en repulsa do asesinato de dúas nenas en Moraña presuntamente a mans do seu pai.

 

Os feitos aconteceron o venres 31 de xullo, cando un home asasinou presuntamente ás súas dúas fillas, de 9 e 10 anos. Logo intentou quitarse a vida sen éxito. As primeiras investigacións apuntan a que o crime foi unha vinganza contra a nai das pequenas, da que estaba divorciado. As nenas atopábanse pasando dúas semanas co pai dentro do permiso correspondente polas vacacións estivais. O sábado era o día en que debía entregarllas de novo á súa proxenitora.

Dende a Coordinadora Comarcal de Ourense da Marcha Munidal das Mulleres mostraron o seu “total rexeitamento” contra a violencia doméstica, e adiantan que sairán á rúas as veces que faga falla “esixindo xustiza, loitando contra os valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia machista contra as mulleres polo mero feito de selo”.

Ademais, fan fincapé en que non só son as mulleres as que sofren este tipo de violencia, xa que o machismo “mata e fire tamén aos seus fillos, eles son vítimas indirectas e en demasiadas ocasións, como esta, vítimas directas”, denuncian.

Como consecuencia, por toda España sucederanse as concentracións de repulsa nos próximos días. En Ourense será o domingo ás 20 horas xunto á Castañeira, sita ao lado da Subdelegación do Goberno.