Ignacio Gómez

Os socialistas reclaman ao Goberno provincial un informe xurídico ao respecto da inclusión do Concello de Ourense no Plan Provincial de Obras.

 

O voceiro do grupo provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Ignacio Gómez, reclamoulle este venres a Manuel Baltar, “que se adique a ser presidente da Deputación e deixe de ser o alcalde na sombra do Concello de Ourense».

Salientou Gómez, nunha rolda de prensa na oficina socialista no ente provincial, que o seu grupo leva anos denunciando a situación de incompatibilidade na que se atopan numerosos alcaldes e concelleiros do PP que exercen como funcionarios na Deputación. “Esta mesma situación de incompatibilidade foi a que levou ao ex Tenente Alcalde do Concello de Ourense a deixar o seu cargo na Corporación Municipal ao exercer, tamén, como funcionario da Deputación de Ourense. Facemos fincapé en que moitos Alcaldes populares, están na mesma situación de incompatibilidade sen que por iso o Presidente os inste a demitir. Polo que esiximos a Baltar que tome as mesmas medidas que tomou no caso de Ourense con todxs xs que estean no mesmo caso”, proseguiu.

O socialista explicou que “estes funcionarios dos que estamos a falar, perciben complementos específicos ao seren , moitos deles, xefes de servizo na da Deputación, e, no seu momento, reclamaremos a documentación necesaria dos servizos xurídicos; cuestión na que non nos metemos, pois teñen que ser eses servizos os que valoren a legalidade destas situacións pero dende logo, denunciamos a amoralidade e falta de ética de casos coma o do señor Cudeiro no que cun soldo de máis de 80.000 euros brutos, teña a desfachatez de defender que si pode atender ás súas obrigas como edil no Concello e facer, ao mesmo tempo, asesoramento puntual a Manuel Baltar. Nin nós mesmos, nin a propia cidadanía comprendemos este tipo de situación. É unha tomadura de pelo aos cidadáns, tentar vender que se poida cobrar ese diñeiro por unha laboura de asesoría puntual”

Informe xurídico
Por último, o Grupo Provincial Socialista solicitou un informe xurídico ao respecto da inclusión do Concello de Ourense no Plan Provincial de Obras, «xa que non parece xusto nin legal que participe un Concello coma o de Ourense nun plan destinado a concellos de menos de 20.000 habitantes”.