41,8 días de espera media para unha intervención cirúrxica é o dato dos tres hospitais ourensáns no seu conxunto.
A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras acadou a 30 de xuño de 2015 un dos seus principais obxectivos, manter os bos resultados na lista de espera cirúrxica. Nos seis primeiros meses do ano, a espera media foi de 41,8 días, no conxunto dos tres hospitais (43,4 no CHUO, 19,5 no Hospital Comarcal de Valdeorras e 31,7 no Hospital de Verín). Isto supón que os pacientes ourensáns agardan por unha intervención cirúrxica 34,4 días menos que a media dos pacientes do Sergas.
Foron datos achegados este venres pola xerente, Eloína Núñez, que destacou que neste primeiro semestre incrementouse o número de intervencións cirúrxicas co respecto ao mesmo período do ano anterior realizándose 35 cirurxías máis nos quirófanos dos hospitais ourensáns. Tamén aumentou o rendemento cirúrxico en xornada ordinaria, cunha media de 7 operacións máis diarias nos quirófanos dos hospitais da EOXI.
Este incremento na actividade cirúrxica permitiu manter os bos resultados na espera media das patoloxías de prioridade 1 en tan só 9,7 días fronte aos 16 días de media que esperan no Sergas.
O Hospital de Valdeorras o de menos espera de Galicia para consultas
Os resultados acadados neste primeiro semestre sitúan a accesibilidade dos ourensáns á consulta do especialista como unha das mellores, tanto na comparativa co resto de áreas integradas, como por centros, co CHUO co mellor dato entre os grandes hospitais, con 27,5 días, e tamén por hospitais comarcais, onde o Hospital de Valdeorras se sitúa como o mellor cunha media de 18,2 días e e o Hospital de Verín como terceiro con 26,5 días de espera media.
Para Núñez, estes bos resultados responden o importante esforzo realizado por todos os servizos, tanto médicos como cirúrxicos e centrais, para afondar no funcionamento de cada servizo, cambiar seus sistemas de traballo, desde os puntos de vista organizativo, de xestión e asistencial, cara unha asistencia mais áxil e eficiente, e do compromiso dos seus profesionais cara un novo modelo mais resolutivo, integrando na súa carteira de servizos as consultas de acto único e alta resolución.