Estiveron no Barco de Valdeorras o 20 de agosto e en Ourense capital a reunión será o día 21.

Podemos Galicia organiza no mes de agosto as xornadas intercírculos, uns encontros programáticos por todo o país para seleccionar propostas para o programa das eleccións xerais de forma colaborativa. O obxectivo é facer unha acción coordinada para achegar propostas galegas de consenso. O formato está pensado como concurso de ideas e as máis votadas serán presentadas en Praza Podemos, a ferramenta telemática de participación da organización.

Nestas xornadas colaboran Círculos, Consellos Cidadáns Municipais e o Consello Cidadán Galego e están abertas á participación de movementos sociais e a calquera persoa interesada en achegar propostas para a elaboración do programa de Podemos.

As achegas máis valoradas en cada xornada entrarán na seguinte etapa desta iniciativa. Nesta segunda fase, as propostas elexidas estarán expostas no portal de Participación de Podemos, Praza Galicia, onde o conxunto das persoas inscritas en Podemos en Galicia poderán votar as que desexen durante a última semana de agosto. As ideas para o programa que teñan máis votos durante esta semana serán presentadas en Plaza Podemos como propostas de consenso dos círculos de Galicia para pasar á última fase da elaboración do programa estatal.

Na nosa provincia, Podemos organiza dúas reunións, a primeira no Barco de Valdeorras o xoves 20 ás 19 horas na sala multiusos do Concello,e  a segunda en Ourense cidade, no bar As Conchas da rúa Velázquez, o venres 21 ás 19 horas.

Estes encontros contarán coa presenza de Cristina Laya, conselleira autonómica responsable da área de Mocidade, e de Marysol Babarro, conselleira autonómica vencellada a área de Rescate Cidadá e Movementos Sociais, ademais de distintos membros da Mesa Galega de Podemos. O partido anima a todos e todas a «ser activos e participar neste proceso de cambio que estamos a vivir».