Presentación do VIII Festival de Riós

A oitava edición do Festival das Artes Escénicas premiará coa “Castaña de Cristal” a Mercedes Peón.

Unha firme aposta pola cultura no rural galego. Así se presenta o Festival das Artes Escénicas de Riós que, na súa oitava edición, os días 13 e 14 de agosto, homenaxeará a Roberto Verino, María do Ceo e Mercedes Peón. Os dous primeiros serán protagonistas do bautizo de dous novos castiñeiros no souto de Riós, mentres que Peón recibirá a “Castaña de Cristal” pola súa ampla carreira artística. O certame foi presentado este luns no Centro Cultural Marcos Valcárcel polo seu director, Rubén Riós, o asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e as homenaxeadas María do Ceo e Mercedes Peón.

O Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel de Riós conxuga cinema, humor, tradición, música e, por primeira vez, gastronomía, ao incorporarse á cita o Gastroñam, un xantar con produtos 100% galegos e de calidade o venres a mediodía.

Programa
Na primeira xornada, o xoves 13, proxectaranse varias pezas audiovisuais, como o documental “Mil sorrisos & un perdón” de Bruno Nieto (que conta a historia do mozo David Fernández e se exhibe por primeira vez co seu segundo final) e o avance de “Vida” e “Máis ca vida”.

Na xornada do venres 14 terá lugar a “Ruta do Talento”, un percorrido, a partir de mediodía, ao longo de castiñeiros milenarios que reciben este ano novo padriño, Roberto Verino, “un valente das pasarelas e das cepas”, en palabras de Rubén Riós, e nova madriña, María do Ceo, de quen o director do festival destacou o seu papel de unión entre Galicia e Portugal. O acto será conducido polo xornalista Terio Carrera e contará coa actuación da Banda de Gaitas de Riós e do Mago Marco.

Á noite, a partir das 22 horas, celebrarase a VIII Gala das Artes Escénicas, presentada por Inma Morandeira. Nela, ademais de entregarse a “Castaña de Cristal”, haberá espazo para o humor, da man do monologuista David Perdomo, e para a música, a cargo de Mercedes Peón, María do Ceo, Najla Shami, Gustavo Almeida, Habitación Vudú, Coral Cantarela, Pandereteiras de Riós, a orquestra Charleston Big Band e a Zumba&Salsa de Edson.

“Agárdovos o 13 e o 14 de agosto cos brazos abertos, a alma entregada e un prato posto a carón dun castiñeiro”, despedía Rubén Riós a presentación do certame. A cita é os días 13 e 14 deste mes, na praza do Concello de Riós e no souto do lugar, con entrada de balde a todos os actos.