O próximo xoves, 6 de agosto, o Concello de Verín homenaxeará ás vítimas do franquismo na comarca de Monterrei.
Tras a proposta formulada pola CIG de organizar un acto institucional de homenaxe ás vítimas do franquismo na comarca de Monterrei, o Concello de Verín celebrará o 6 de agosto un pleno da corporación municipal, co obxecto de outorgar tais honores e distincións aos veciños, políticos e sindicalistas executados, apresados e represaliados polo franquismo.
Rematado o pleno, sobre as 21.30 horas da noite, tamén se desenvolverá, na praza do Concello, un acto público de homenaxe ás vítimas e entrega de distincións aos familiares.
A petición realizada pola CIG perseguía que o consistorio verinés concedese «a título póstumo, a umha serie de persoas que protagonizaron a vida da nosa vila nos momentos previos e posteriores ao golpe de estado de 1936, as distincións e honores que merecen, por ter entregado as súas vidas e patrimonios á causa da liberdade e da democracia».
Con ocasión da celebración do citado homenaxe, a CIG Verín vén de editar un folleto cos nomes, apelidos, veciñanza e circunstancias de máis de 400 represaliados polo franquismo nas comarcas de Monterrei, As Frieiras, Conso, Viana do Bolo e o Cambedo da Raia (Portugal).