A festa desenvólvese o sábado 8 de agosto na localidade de Queiroás da Igrexa e o domingo 9 na Torre de Seoane.
Trala sega, o ciclo do pan de Allariz vive esta fin de semana a malla, a moenda e a fornada. A festa etnográfica, que xa vai pola súa 15ª edición, desenvolverase no núcleo de Queiroás da Igrexa. A partir das 9 da mañá está previsto que veciños e “medeiros” se atopen na “aira vella” do pobo para “a carrexa”. Alí prepáranse os carros coas vacas que marchan cara ao campo para carrexar os mollos cara á “aira do cura” para facer alí a meda principal. Para participar recomendase levar vestimenta axeitada ao traballo e á época.
Paralelamente acenderase o “forno da Ermitas”, onde se cocerán ao longo da mañá pan, empanadas e boliños. Haberá un obradoiro para nenos e unha exposición de poemas e fotografías antigas sobre os traballos da sega e da malla.
A partir das dez da mañá, ábrese unha mostra de material e ferramentas de labranza na “palleira do Paco”, con proxección de vídeos sobre os labores das mallas e seituras en Queiroás e en Castela.
Prevese que contra as 11 se remate a meda na “aira do cura”, e a partir das 11:30 comezará un desfile e demostración da malla tradicional polas diferentes airas do núcleo, acompañado de gaiteiros e pandereteiras: “malla a pedra”, “malla con mallos ou males” e “malla con máquina a motor”.
Tras un xantar popular con foliada e cantigas populares galegas sobre a sega e malla proxectarase o documental “Os segadores”, de Xulio Nogueira, e rematarase a xornada cunha merenda de boliños preñados e queimada.
Moenda e fornada
Contra as oito da tarde a festa trasladarase ao muíño do burato para a moenda. O evento estará amenizado polo grupo “Tanghete”.
Ao día seguinte, domingo, na Torre de Seoane, será o momento da fornada do pan, co acompañamento musical do grupo “A pé feito”.