CCOO, e o resto de organizacións que forman a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia cuestionan o modelo de xestión do recentemente creado Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense.
O sindicato tamén pon en cuestión as motivacións esgrimidas polo Director Xeral de Emerxencias. O pasado día 31 de xullo tivo lugar a constitución do Consorcio Provincial para o servizo Contra Incendios e de Salvamento de Ourense, que pasará a absorber os existentes consorcios comarcais da provincia, coa idea manifestada de unificar as competencias nun único ente e homoxeneizar o servizo.
Dende a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia mostran o seu rexeitamento a que a xestión privada (do Consorcio Provincial de Emerxencias) resulte máis económica, como se ten demostrado nunha comparativa entre dous parques case idénticos (Deza e A Rúa), onde o primeiro é de xestión directa e o segundo de xestión privada. De feito, na xestión privada non pode dedicar ao servizo en si o 21% do IVE nin dedicará o 8% mínimo de beneficio empresarial, mentres que na xestión directa todo debe investirse no propio servizo ao cidadán. Así, dende a Mesa Intersindical acusan de que “manter este sistema que o único que aporta de beneficio é aquel que as empresas, deixando de dedicalo ao servizo publico, meten nos seus petos”.
Ademais, dende este colectivo lembran que o pasado 12 de febreiro presentaron unha proposta de Regulamento de Bombeiros, tal e como a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia recollía que debera estar feito no prazo dun ano dende a súa publicación, e solicitaron a apertura de negociación deste para poder avanzar na homoxeneización e o regulamento do servizo en toda Galicia. Con motivo da manifestación do 15 de maio pediron unha co Director Xeral, Luís Menor, para expoñerlle as eivas do actual sistema pero a mesma nunca se levou a cabo, segundo denuncian.