CCOO valora positivamente o descenso do paro, pero alerta da pouca duración dos contratos. A CIG insiste en que non hai creación de emprego estable, e que a baixada de desemprego en xullo é «conxuntural»

Veñen de coñecerse os datos de paro no mes de xullo, con 1.451 persoas menos en situación de desemprego na nosa provincia, unha baixada do 5,68% con respecto ao mes anterior. Na actualidade son 24.108 os ourensáns rexistrados nas oficinas do INEM. No conxunto de Galicia, a baixada foi similar (un 5,54%, 12.691 desempregados menos).

Un «dato positivo» para CCOO Galicia que, con todo, amosa a súa preocupación pola calidade do emprego xerado e polo continuado descenso da cobertura por desemprego.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, lembra que boa parte destas contratacións corresponden ao sector servizos, o cal dá unha «imaxe clara da intensa precariedade e estacionalidade do emprego creado». A responsable de Emprego de CCOO sinala que antes da crise había en Galicia 1.090.000 persoas afiliadas á Seguridade Social e que hoxe, con datos positivos, só hai 953.879.

A sindicalista lembra que segue habendo 216.371 persoas en situación de desemprego na nosa comunidade, polo que insta a Xunta a acabar coas políticas de axuste. Neste contexto, os orzamentos de 2016 son «o mellor instrumento».

Valoración da CIG

Unha valoración semellante fan desde a CIG. Para o secretario comarcal da CIG-Ourense, Etelvino Blanco, o descenso do paro débese á «contratación temporal e de rotación de emprego que se repite cada ano neste período por mor das contratacións de verán». Esta situación é algo conxuntural e habitual neste mes afectando sobre todo ao sector servizos.

Ademais, Blanco resalta que se están a xerar empregos precarios, «xa que a media interanual de contratos fixos en Ourense é de só o 7.6 %. Se analizamos o aumento na contratación a tempo parcial chegamos a conclusións dramáticas de que non se está creando emprego estable onde antes había posto de traballo, agora hai tres postos precarizados».

O sindicalista tamén chama a atención sobre o «elevado» número de desempregados que non percibe ningún tipo de prestación. «Os datos deste mes amosan que só o 36 % dos inscritos como parados percibe a prestación contributiva e só o 48 % algunha prestación», analiza Etelvino Blanco. En total, en Ourense son 12.522 persoas as que perciben prestacións, ben contributivas, subsidios, renda activa de inserción ou programa de activación do emprego.