Unha subvención da Consellería de Economía e Industria achegará o 80% do investimento, 254.550 euros. 

O polígono empresarial de Seixalbo verá melloradas as súas infraestruturas viarias e seguridade cun investimento de 254.550 euros. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo unha xuntanza coa directiva da asociación empresarial, á que comunicou a proxima execución destes traballos, mediante dous proxectos que desenvolverá o Concello co apoio da Consellería de Economía e
Industria. A Administración autonómica ven de conceder ao Concello dúas subvencións por importe de 203.640 euros, que suporán o 80% do investimento total a realizar.

Por unha banda, o proxecto de acondicionamento das infraestruturas viarias terá un orzamento de 149.531 euros. A achega concendida subvencionará o 80% deste custo. O proxecto intervirá nas vías situadas dentro do solo industrial recollido no PXOM de 1986. En concreto, o Camiño B-Cumial (Verea Vella), que delimita o polígono no seu borde norte e actualmente con baches no seu pavimento derivados da ausencia de recollida de augas. Este vial sirve de saída para a parte traseira das naves industriais, sendo vía de servizo ocasional para turismo e acceso aos inmobles colindantes ao polígono.

Outro dos viais que se contemplan no proxecto é o da rúa Cumial industrial-Estreita, situado no interior do polígono e nun avanzado estado de deterioro. O último vial é o de rúa Cumial Industrial-Este, situado no interior do polígono e actualmente pavimentado nun dobre tratamento superficial con avanzado estado de deterioro, con atrancos para o tráfico peonil e carente de calquera mínima prestación en materia de accesibilidade.

Vixilancia e seguridade

No tocante ao proxecto de instalación dos sistemas de vixilancia e seguridade na zona empresarial de Seixalbo, o custo total será de 105.018 euros, dos que 84.014 euros serán subvencionados pola Consellería de Economía e Industria (de novo o 80%).

O polígono empresarial de Seixalbo na actualidade non conta con ningún sistema de videovixilancia, polo que o obxectivo do proxecto técnico é o de dotar cun sistema autónomo de videovixilancia ou CCTV ao polígono con oito cámaras de gravación de imaxes en puntos estratéxicos, interconectadas mediante radioenlace co posto central para o almacenamento e control das imaxes.

Con esta actuación, o Concello quere contribuir a consolidar o polígono empresarial de Seixalbo, as melloras dos servizos, así como a protección e transformación do polígono nun recinto blindado ante os roubos. A instalación de cámaras mediante sistema CCTV, ademáis de proporcionar un efecto disuasorio, poderán axudar, no caso de producirse algún roubo, á investigación que se poida producir por parte dos corpos e forzas de seguridade do Estado.