O día 9, ás 18:00 horas, a contadora de contos, Raquel Queizás, leva o seu espectáculo «A maleta da avoa» ás Piscinas Municipais da Granxa de Verín.
Esta actividade enmárcase dentro do programa de Fomento da Lectura do Concello de Verín e o programa Ler Conta Moito da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, educación e Ordenación Universitaria.
«A maleta da avoa» é un espectáculo de contacontos con obxectos e monicreques. Esta función de 50 minutos, enfocada a nenos a partir de 3 anos, componse dunha serie de contos populares, tradicionais e ambientados no rural galego baseados nos recordos de infancia da propia Raquel Queizás. A maleta, na que se gardan historias e lendas relatadas pola avoa da protagonista, é unha representación da memoria na que se atopan recordos entre libros, bonecas de millo, sombreiro e tamén adiviñanzas.
Raquel Queizás forma parte do elenco da compañía Os Monicreques de Kukas.