O sindicato considera que logo do sinistro que queimou dúas casas en Castrelo do Val queda clara a necesidade de aumentar a dotación de persoal do parque verinés.

 

Este luns 3 de agosto un sinistro queimaba dúas casas e afectaba outras tres no núcleo de Veiga de Nostre, no municipio de Castrelo do Val. Na extinción do incendio colaborou bombeiros do turno de garda do parque de bombeiros de Verín, malia estaren en situación laboral de folga indefinida.

Uns feitos que, para o sindicato CIG, deixan “máis que claro que en Verín necesitamos unha maior dotación de persoal no parque de bombeiros, que hoxe só conta con tres persoas para cubrir cada turno de garda, para darlle servizo e cubrir as necesidades dun gran número de núcleos poboacionais espallados ao longo e ancho dunha enorme extensión xeográfica”.

Para a CIG “son de agradecer” as colaboración prestadas por persoal doutros organismos, como brigadistas de incendios forestais, GES da Gudiña, ou emerxencias de Laza , pero non son suficientes porque “pola súa formación, preparación e competencias non interveñen directamente nos lumes urbanos”.

Por outra banda, o sindicato bota en falta no parque de Verín medios materiais, “coma poden ser coches adaptados ás necesidades máis especificas da realidade coa que se teñen que enfrontar a diario os bombeiros nas súas interencións: hai que recorrer grandes distancias e meterse en núcleos poboacionais con rúas estreitas e accidentadas, que fan necesarios coches
máis potentes e pequenos para darlle eficacia ao servizo”.

Por estes motivos, a central sindical insta aos responsables dos parques de bombeiros galegos e da Xunta que se senten a negociar cos representantes sindicais dos bombeiros para mellorar a calidade deste servizo. O sindicato nacionalista defende que debe ser “completamente” público. Tamén recorda ao xerente do parque de bombeiros de Verín e ao presidente da Deputación a que atendan a súa solicitude de reunión para tratar esta problemática “sen que ate o momento teñamos tido ningunha resposta”.