O informe presentado pola Concellería de Medio Ambiente á Xunta de Goberno Local recolle actuacións en 16 localidades ourensás.
O Concello de Ourense vén de realizar traballos de desbroce e limpeza de máis de 100.000 metros cadrados de terreos nos diferentes núcleos rurais da cidade. A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense tivo coñecemento este xoves do informe de actividade da Concellería de Medio Ambiente e Perímetro Rural, que dá conta dos traballos realizados pola brigada de Conservacion de mobiliario urbán e Perimetro Rural en diversas zonas do municipio, tentando facer fronte ao estado de abandono de zonas verdes e de xogos, reforzar a prevención dos incendios forestais no perímetro rural, e reparar e repoñer pezas de mobiliario urbano deterioradas en diferentes barrios.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, José Araújo, deron conta das actuacións realizadas na rolda de prensa desta mañá posterior á Xunta de Goberno Local.
De acordo con este informe, os metros desbrozados e de limpeza tanto nas zonas verdes coma nas gabias para previr os incendios forestais oscilaron entre os 380 metros cadrados en Ceboliño e os 28.500 en Lonia, chegando a núcleos como Rairo, Velle, Mende, Santa Mariña, As Curuxeiras ou Palmés, onde un incendio arrasou a semana pasada 230 hectáreas.
Máis de 150 actuacións de reparación de mobiliario urbano
A Brigada municipal deu conta tamén das máis de 150 actuacións de reparación de mobiliario urbano realizadas en diferentes zonas da cidade. Concretamente, 127 foron de retirada de bancos vellos ou deteriorados, que foron transportados ao obradoiro, restaurados e colocados de novo. Dos 127 bancos reparados e recolocados, 52 foron arranxados nas zonas Beiramiño, Barbaña e Barbañica.
Procedeuse tamén ao arranxo de varandas, consistindo neste caso os traballos en saneado e pintado das mesmas en diversas zonas. En total, separáronse 3.500 metros liñais de varanda metálica no Paseo Vermello. Tamén se realizaron traballos de arranxo de varanda de madeira en Avenida Portugal (8 metros liñais) Oira – Beiramiño (175 ml) e na denominada Área 4 (30 metros liñais)
O informe de actividade da Brigada Municipal de Conservación de Mobiliario Urbano e Perímetro Rural recolle tamén otras actuacións, como o pintado das gradas e zona de xogos populares no Palao, en Velle. Tamén incorpora mobiliario como fontes de bebedoiro na Burata-Palmés e na praza Mestre Fernández.
Mantemento e reparacións de parques infantís e biosaudables
Un terceiro eixo de actuación da Concellería de Infraestruturas e Medio Ambiente foron as intervencións de mellora de áreas infantís, no parque da Lexión, no parque de San Lázaro, na praza de San Antonio, en Xesús Pousa, no parque de San Rosendo e no parque de Vistafermosa. Tamén se renovaron elementos afectados polo vandalismo ou deteriorados en zonas biosaudables de Beiramiño, Barbaña e Angelita Paradela.
Asemade reparouse unha ponte de madeira deteriorada en Portovello e traballos de mellora ambiental, como a tala de 13 árbores e mellora do solo de cultivo de 29 árbores no Xardín do Posío.
Dúas novas áreas de xogos infantís
A Concellería de Medio Ambiente tamén creou dúas novas áreas de xogos infantís, concretamente na praza Mestre Fernández e na Praza 200, por importes de 39.013 e 43.887 euros, respectivamente.
A estas actuacións se lle suma a reforma do parque infantil da Praza 500, onde se incorporaron equipos biosaudables e mobiliario, por un importe de 8.518,40 euros.
Os traballos de reparación de actos vandálicos na Alameda do Concello, con substitución de vidros no peche perimetral supuxeron un custo de 860 euros.
Tamén no tocante á seguridade, se procedeu a facer traballos no antigo vertedoiro municipal, cun desbroce antiincendios en toda a superficie (90.000 metros cadrados) por un importe de 12.104 euros.