16 adegas participan ata o domingo na Alameda de Verín nesta festa de exaltación dos caldos da Denominación de Orixe Monterrei.
A X edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei arrincou o venres á tarde cun acto de inauguración presidido polo xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e no que participaron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e a presidenta da D.O Monterrei, Asunción Rodríguez, entre outras autoridades. No decurso da inauguración, a presidenta da Denominación de Orixe agradeceu a todos os bodegueiros participantes o feito de ter sido quen de “eliminar diferenzas e sumar esforzos para facer deste foro unha verdadeira mostra representativa do sector do viño na comarca”.
De feito, nesta edición da Feira, que se desenvolve ata o vindeiro 9 de agosto na localidade de Verín, participan 16 adegas, dous tercios das que conforman a D.O, unha cifra nunca acadada en convocatorias anteriores. “Considero que, só así, remando todos –produtores, bodegueiros, Consello Regulador e administración- na mesma dirección, seremos quen de debuxar un futuro próspero para o sector do viño de Monterrei e de favorecer o relevo xeracional neste ámbito de actividade”, destacou Rodríguez na inauguración do acto.
Pola súa banda, o rexedor de Verín ofreceu, a todos os viticultores, adegueiros e profesionais, a súa disposición e apoio para que «vexan nesta casa do concello un colaborador que sirva para contribuír a que o sector continúe xerando riqueza de xeito equitativo».
Seoane tamén recalcou a necesidade de evitar interferencias políticas que entorpezan a comercialización de «un sector que, como podemos apreciar nesta feira, posúe un produto de excelente calidade».
Novos confrades
Logo da inauguración, tras o pregón ofrecido polo director de contidos de Mediaset España, Manuel Villanueva e o percorrido das autoridades polos diferentes stands participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladouse á igrexa da Mercé de Verín, un dos referentes culturais da vila, onde se procedeu á imposición de medallas a catro novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei.
O pregoeiro da Feira, Manuel Villanueva, pasou a ser esta tarde un dos novos confrades da D.O Monterrei. Natural de Marín, conta cunha amplia experiencia no ámbito da comunicación xa que desenvolveu o seu labor profesional para diferentes medios galegos e nacionais. Na actualidade, é embaixador do viño de FENAVIN, a feira vinícola máis relevante de España, e un dos exectutivos máis importantes da televisión no noso país. Coa imposición desta medalla, o Consello Regulador quere poñer en valor a todo un colectivo: o dos medios de comunicación, polo importante labor que realizan ao longo do ano contribuindo, coas súas informacións, a divulgar a potencialidade dos viños de Monterrei.
A Asociación de Sumilleres Gallaecia, fundada en novembro de 1997, tamén foi distinguida coa medalla da Confraría dos Viños de Monterrei. É unha das agrupacións vinícolas máis representativas da nosa Comunidad Autónoma, xa que integra un cento de socios repartidos polas catro provincias galegas. Gallaecia é unha asociación profesional sen ánimo de lucro que persegue, como principais obxectivos, fomentar actividades de información, formación e defensa do sector vinícola galego. Proba da súa dilatada traxectoria son as distincións Gallaecia, iniciativa promovida pola asociación e recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente na que participan máis de 500 viños galegos.
Paralelamente, en representación do sector produtivo, a viticultora de 83 anos Isabel Alonso recibiu outra das medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. Natural de Oímbra, Alonso foi a primeira viticultora muller que formou parte da D.O Monterrei, ao integrar a súa produción nesta denominación no ano 1994. Ademais, coa imposición desta medalla, o Consello Regulador quere realizar unha homenaxe ao labor de todas e cada unha das mulleres da zona que historicamente se implicaron na produción do viño e que co su esfuerzo e traballo contribuiron a situar os viños de Monterrei no lugar que ocupan hoxe en día
Finalmente, un dos membros máis veteranos do panel de cata da D.O Monterrei, Fernando Castro, foi tamén homenaxeado no acto. É catador desta denominación de orixe desde 1995 e realizou, nos últimos 20 anos, diferentes cursos relacionados coa cata e degustación de viños. Coa distinción de Castro, a D.O de Monterrei quere ensalzar o papel de todos aqueles técnicos que, restando moitas veces horas ao seu tempo de ocio, contribúen a por en valor e a divulgar a potencialidade dos nosos viños.
Actividades para a fin de semana
Na xornada do sábado 8 e do domingo 9, coincidindo coa apertura dos stands, o Concello de Verín ofrece unha ludoteca atendida por monitores, para que os adultos poidan degustar as diferentes variedades dos viños de Monterrei.
Ademais, o sábado 8, o recinto da feira estará amenizado pola Charanga Ideal e os asistentes presenciarán a chegada dunha concentración de bicicletas de época que rematarán o seu paseo no espacio da Feira do Viño. Xa pola noite, o público contará coa verbena a cargo da orquestra Primera Línea.
O domingo 9 de agosto, a Feira do Viño arrinca, pola mañá, cunha sesión vermú e a actuación da Disco Móvil Jorge. Pola tarde, coa apertura dos stands, os asistentes vivirán un momento enxebre coa actuación de Candaina. Cánticos, baile e pandeireta acompañarán aos asistentes ata a clausurado evento, momento no que volverá a Disco Móvil Jorge para despedir a Feira do Viño bailando.
Pola súa banda, o horario de apertura dos stands será o seguinte: o sábado 8, de 12.00 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 h; e o domingo 9, de 11.00 a 14.30 h. e de 19.00 a 23.00 h.