O alumnado estase a especializar en xardinería e axuda no fogar.
Un total de 20 persoas desempregadas están a participar no obradoiro de emprego da Mancomunidade do Ribeiro, impulsado de forma conxunta polos concellos de Beade, Leiro, Cenlle, Arnoia e Cortegada.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta iniciativa, na que o Goberno galego está a investir preto de 180.000 euros. Este programa, que está en marcha desde xullo, ofrece aos alumnos a posibilidade de acceder a un posto de traballo, ao tempo que reciben formación especializada.
Neste caso, o alumnado está a especializarse en xardinería e axuda no fogar. Os participantes obterán un certificado de profesionalidade de validez nacional, que “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos eles e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, segundo indicou a directora xeral.
Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Neste ocasión, estase a desenvolver o servizo de axuda no fogar nos municipios de Leiro, Cortegada, Cenlle, Arnoia e Beade.
Ademais, en Arnoia levarase a cabo o axardinamento da Praza do Concello, a área recreativa do Inquiau, o mantemento, conservación e mellora da zona Canastros en Laxa, a roza do monte das Lombas e o seu mantemento, e a conservación e mellora das áreas recreativas na Reza.
No concello de Beade farase o acondicionamento da área recreativa á beira do río Avia, a creación de área recreativa no núcleo urbano de Beade e a restauración do parque infantil na rúa Caudillo. En Cenlle, actuacións para a recuperación ambiental do campo do Cabalo na localidade de Laias. En Cortegada, o axardinamento da contorna do Balneario. E, en Leiro, o acondicionamento do campo da festa de San Pedro e o mantemento da área recreativa do Salgueiral.
A provincia de Ourense contará con doce programas mixtos de emprego para este ano que beneficiarán a preto de 300 persoas en situación de desemprego cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros.