Río Barbaña

Unha brigada de limpeza CHMS traballa actualmente no tramo urbano do Barbaña, tras realizar labores de limpeza e restauración no río Loña.

A limpeza dos cauces e marxes dos ríos de Ourense que desenvolve a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en colaboración co Concello de Ourense chega ao río Barbaña. Logo dos traballos de limpeza e restauración do río Loña no seu tramo urbano, a brigada de limpeza traballa actualmente augas abaixo da Praza de Abastos en dirección á desembocadura no río Miño. Os labores de hixienización, que empregan a 8 especialistas e dous brigadas forestais, perseguen limpar de árbores e restos vexetais, así como de residuos sólidos urbanos, as inmediacións dos ríos para que non obstrúan as aguas e coa finalidade de que non se formen tapóns nunha zona de paso habitual.

Despois do Barbaña, no que estarán durante aproximadamente semana e media, os labores centraranse no regato dos Muíños (río Barbañica) e, cara á última semana do mes, volverán ao río Loña para rematar os traballos desde a ponte medieval ata o colexio de Mende.

A CHMS está a desbrozar puntualmente a vexetación eliminando o exceso de mato e a maleza acumulada. A limpeza realízase de forma seletiva, seleccionando os rebrotes de especies arbóreas para favorecer o seu desenvolvemento nos meses que seguen ao verán. Os restos vexetais finos retirados serán triturados in situ e os de maior calibre ofreceránselles aos veciños para o seu uso doméstico ou, no seu caso, trasladados a un vertedoiro autorizado. Os residuos sólidos urbanos acumulados nas marxes, chatarra, plásticos e entullos diversos, serán separados atendendo á súa natureza e transportaranse ao xestor de residuos autorizado.

Estes traballos están enmarcados nas actuacións de restauración do Dominio Público Hidráulico (DPH) e mellora da conexión hídrica programadas pola CHMS e nas que o Concello de Ourense colabora activamente cunha brigada de limpeza municipal.

O acondicionamento integral dos ríos, unido á substitución do mobiliario urbano ao redor dos grandes paseos fluviais da cidade, quere ofrecerlle zonas de lecer atractivas para o os ourensáns e impulsar o fomento dos hábitos saudables.