O novo equipo estará en funcionamento a finais de mes.
A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ultima os últimos detalles para a instalación do novo equipo de TAC, Tomografía Axial Computerizada, que estará operativo e entrará en funcionamento a finais deste mes de agosto.
A xerente do Hospital de Valdeorras, Guillermina Agulla Budiño, recibiu aos técnicos da empresa Philips con motivo de fixar os prazos para a desinstalación, desmontaxe, carga e reciclaxe do antigo equipo, e por último o transporte, colocación e posta en marcha do novo equipo TAC.
Ademais, a Xerencia trazará un plan de actuación de continxencia durante as datas en que non estea operativo o novo TAC xa que o equipo técnico da empresa comezará coas labores de desmontaxe do anterior equipo na tarde do vindeiro venres 14 de agosto.
Unha vez rematadas estas tarefas de desmontaxe son necesarios cinco días para a axeitada colocación do novo TAC e outros tres días para a formación do persoal sanitario do Servizo de Radiodiagnóstico encargado da súa utilización. Ao mesmo tempo a Unidade Técnica de Protección Radiolóxica procederá as medicións dos niveis de radiación correspondentes e a emisión da certificación de verificación radiolóxica do novo equipo diagnóstico.
Con tal motivo a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras coordinará todas estas actuacións e fixará, no transcurso desta semana, os prazos de actuación, informando aos profesionais implicados e formalizando un protocolo a seguir para a atención dos posibles pacientes ata que entre en funcionamento o novo TAC.