O alcalde de Ourense convocou aos voceiros de todos os grupos políticos para analizar as medidas a adoptar con respecto á dotación orzamentaria prevista para 2016.

 

Jesús Vázquez vén de convocar unha xunta de portavoces para este venres, 14 de agosto, para analizar a situación actual do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e medidas a adoptar ao respecto.

Segundo manifesta o rexedor, a situación actual do Museo Arqueolóxico, cuxo proxecto de rehabilitación está paralizado dende o ano 2002, precisa dun compromiso serio por parte da Administración Estatal para a súa posta en valor, algo que será materialmente imposible coa dotación orzamentaria prevista para o ano 2016, xa que nos Orzamentos Xerais do Estado están contemplados 100.000 euros, “cando o proxecto total requeriría dunha inversión total de 9 millóns de euros”, matiza o alcalde ao mesmo tempo que lembra que “estamos ante unha das xoias museísticas de Galicia e o museo de referencia para a cidade e a provincia de Ourense, co cal o proxecto é por si mesmo un proxecto de interese xeral para toda a cidadanía que debe contar co respaldo de todos os grupos políticos que estamos representados na Corporación”.

Deste xeito, e tal e como se comprometera o alcalde a semana pasada, cando se coñeceron os Orzamentos Xerais do Estado para a provincia de Ourense, manterá unha Xunta de Portavoces co fin de pulsar a opinión dos diferentes grupos e establecer liñas de actuación dende o Concello para tratar de poñer en valor esta infraestrutura cultural ante o Goberno Central.