O Goberno galego aclara que é «falso» que a nova Lei de Montes do Estado «abra a porta á recualificación indiscriminada de terreos queimados».
A Xunta de Galicia emitiu un comunicado este mércores no que responde ás criticas ao dispositivo contra incendios. Así, lembra que a nosa comunidade conta co dispositivo de prevención e loita contra incendios forestais «máis potente de toda España» que, en conxunto, pode chegar a acadar as 7.000 persoas velando polos montes galegos. Un dispositivo que, salientan, é idéntico en persoal que o ano anterior, «polo que é rotundamente falso que haxa unha redución en máis dun terzo, como se asegura desde determinados sectores».
O Goberno galego tamén aclara que a 1 de xullo estaban xa cubertos «o 100% dos postos de técnicos, o 98,1% dos 388 postos de axentes e o 94% dos 1.839 postos de laborais» do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPDCIF). Polo tanto, as vacantes están a ser cubertas «en tempo e forma», salientan.
A Xunta tamén recalca que é «rotundamente falso» que a nova Lei de Montes do Estado abra a porta «á recualificación indiscriminada para iniciar procesos urbanísticos ou especulativos en terreos forestais ardidos antes de que se cumpran 30 anos dende o último incendio». A lei recolle «explícitamente a prohibición expresa do cambio de uso forestal alomenos durante 30 anos» así como de “toda actividade incompatible coa rexeneración da cuberta vexetal durante o tempo que determine a lexislación autonómica”. A nova norma premite que só «con carácter singular» as comunidades autónomas poidan aprobar excepcións a esta prohibición «sempre que con anterioridade ao incendio forestal estivera previsto o cambio nun planeamento previamente aprobado, nun instrumento de planeamento pendente de aprobación sempre que xa fora obxecto de informe de avaliación ambiental favorable ou se xa fora sometido ao trámite de información pública» ou «nunha directriz de política agroforestal que contemple o uso agrario ou gandeiro extensivo de montes non arborados en estado de abandono».
Tamén con carácter excepcional, as comunidades autónomas poderán acordar o cambio de uso forestal “cando concorran razóns imperiosas de intereses público de primeira orde que deberán ser apreciadas por Lei e sempre que se adopten as medidas compensatorias necesarias que permitan recuperar a superficie forestal equivalente á queimada”.
Nesta liña, a Xunta lamenta profundamente que se estea a facer «un uso partidista, sesgado e demagóxico» da Lei intentando vinculala á actividade delictiva incendiaria que se está a rexistrar en Galicia trasladando unha mensaxe «falsa e interesada á cidadanía con fins que se afastan da verdade».