Verónica Tellado na Carballa da Rocha

A Xunta de Galicia presentou dúas novas rutas enmarcadas na iniciativa “Árbores con historia”, co obxectivo de divulgar e pór en valor as árbores e formacións senlleiras de Galicia: Ourense Oriental e Ourense Occidental.

Segundo explicou a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, nunha visita á Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga) xa está dispoñible na web da Consellería de Medio Ambiente un dossier explicativo con cada novo percorrido e coas principais peculiaridades dos exemplares e formacións que se engloban nestas dúas novas rutas.

Tellado destacou que estas rutas transcorren entre termas, viñedos e historia, constituíndo unha mostra do patrimonio natural e cultural galego e das singulares características bioxegráficas de Galicia: con formacións mediterráneas (como as aciñeiras) e atlánticas (como os carballos e castiñeiros), que se dispersan por camiños de historia en pedra e cunha relación permanente coa auga. A modo de exemplo, destacou o nodo hidrográfico do macizo central e a estación invernal de Manzaneda; ou ríos como o Miño, cos seus recorridos termais; o Avia ou o Limia.

Ruta Ourense Oriental
Tal e como explicou a directora xeral, este itinerario inclúe 13 formacións ou exemplares senlleiras dos concellos de Manzaneda, Rubiá, Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, A Mezquita e Laza. Trátase de formacións de extraordinario valor, con árbores como a Aciñeira de Covas no Parque natural da Serra da Enciña da Lastra, ou o Teixedal de Casaio, xoia botánica como non hai moitas en Europa. “Unha verdadeira xoia vexetal, onde se mestura o máxico celta, o misterioso nas raíces de máis de 400 teixos, a maioría deles centenarios, que conviven con acivros, abeleiras, serbais e freixos, entre outras”, segundo destacou a directora xeral, así como o Souto de Rozabales, declarado monumento natural ou o Castiñeiro de Pumbariños, con máis de 1.000 anos de historia.

Ruta Ourense Occidental
O itinerario proposto percorre os concellos de Ourense, Ribadavia, Rairiz de Veiga, Bande, Porqueira, Xinzo de Limia, Os Blancos e Baños de Molgas e neste poden visitarse nove exemplares ou formacións, entre as que destaca a Carballa da Rocha, con máis de 400 anos de antigüidade declarado tamén monumento natural.

Axudas para árbores senlleiras
Co obxecto de conservar estes recursos naturais, a Consellería de Medio Ambiente convocou este ano unha orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia para este ano 2015. Cun orzamento total de algo máis de 150.000 euros, foron concedidas 12 solicitudes de axuda, cinco delas na provincia de Ourense, entre as que se atopa unha actuación na Carballa da Rocha, que recibiu seis mil euros.