O concerto será o domingo 16 ás 22:30 horas na praza de San Martiño.
«Swing Perdón» é o novo espectáculo de Ménage à Trois, un proxecto nado en Ourense que pretende amosarlle ao público a visión máis íntima dos estilos musicais favoritos dos seus tres integrantes. O concerto, previsto para este xoves na praza de San Martiño, foi trasladado ao domingo por mor das condicións climatolóxicas que prevén choiva para esta noite.
Ménage à Trois mestura sons que beben das fontes do folk, da rumba, a bossa e o rock. O que veñen chamando o Swing Rock.
As boas vibracións entre Kakus Campos (violín), Xiñor Cobiñas (percusión) e Hde Lemos (voz, guitarra, guía espiritual), e a súa destreza cos intrumentos, son a base do éxito do grupo, que sabe como ningún transmitir a boa enerxía cando sube ao escenario.
Antes de recalar na praza de San Martiño, este xoves ás 22:30 horas (de balde), estes tres inquedos músicos percorreron moitos kilómetros presentando o seu novo proxecto: festivais coma o Reperkusión, Rock in Miño, Entroido Quente e Vibra Balboa, e tamén en salas como a Honky Tonk (Madrid); Pícaro (Toledo); El intruso (Móstoles), Fórum Celticum, Pato negro, Garufa, (A Coruña); Súper 8 (Ferrol); Zona Zero (Caldas); Marrucho (Baiona); Bonus Track, Contrabajo (Vigo); Auriense, Sala Berlín, Sala Troll, Miudiño (Ourense) e A Faragulla (Chantada).
As vindeiras citas coa música ao vivo do Verán cultural serán A Banda da Balbina (xoves 20), Talabarte (xoves 27), Caxade (xoves 3 de setembro) e H2Folk (xoves 10).