O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acordaron este compromiso tras recibir á campioa europea sub-18 de baloncesto, a ourensá Paula Ginzo.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron un encontro institucional en Ourense, logo de recibir e felicitar á ourensá campioa de Europa sub-18 de baloncesto, Paula Ginzo.
No encontro entre ambos responsables institucionais, acordaron asumir un compromiso conxunto, entre o Concello de Ourense e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, co fin de acometer obras de remodelación no Pavillón dos Remedios por un importe de 400.398 euros.
Tal e como explicou o alcalde, estes traballos consistirán na remodelación integral do anexo do Pavillón (por un importe de 300.000 euros), petición demandada polos usuarios dende hai anos, así como traballos de instalación de vestiarios para o módulo de atletismo (39.394,64 euros) e melloras no campo de fútbol 5 indoor (61.003,36 euros). De feito, os traballos completarán aos previstos para a remodelación do ximnasio, constituindo así unha reforma prácticamente global das instalacións deportivas por excelencia da cidade.
Jesús Vázquez manifestou o seu agradecemento ao secretario xeral “polo seu compromiso firme coas infraestruturas e o deporte ourensán” e lembrou tamén que o compromiso claro e adquirido do Goberno municipal “está ao carón de fomentar o deporte e adecuar as instalacións ás necesidades actuais dos usuarios”. Do mesmo xeito, José Ramón Lete recalcou a importancia da mellora no Pavillón de Deportes dos Remedios, “un proxecto moi importante para a cidade que engrandecerá, máis se cabe, o deporte ourensán”.