O PP aclara que as asociación veciñais xa poden participar na Xunta de Área de Participación Cidadá e na Comisión de Suxestións e Reclamacións.

O concelleiro Jorge Pumar, que preside a Xunta de Área de Promoción Económica, Comercio e Emprego, aclarou que non se lle impedirá participar á Federación Limiar nesta xunta, pero só cando se traten temas de interese veciñal. “Se les invitará a asistir a las reuniones que traten temas que sean de su competencia, por ejemplo, cuando presentemos la ordenanza de veladores”, explicaba o edil popular.

Pumar recordou que Limiar, ao igual que calquera outra asociación veciñal, xa pode participar na Xunta de Área de Participación Cidadá e na Comisión de Suxestións e Reclamacións.

O concelleiro de Servizos Xerais e Promoción Económica respondía así a Ourense en Común, que emitira un comunicado salientando que na Xunta de Área de Promoción Económica deste martes só este grupo votou a favor da proposta de Limiar para participar nestas reunións. Tanto PSOE como DO apoiaron ao PP na súa decisión e votaron en contra.

Segundo explicaba o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Limiar, Manuel Carnero, este xoves á mañá aínda non tiñan comunicación oficial desta resposta do Concello á súa petición de participación nas xuntas de área. Con todo, el recalcaba que era partidario “de asistir cando teñamos algo que aportar” e recordaba que no anterior mandato deixara de acudir ás xuntas de área porque “eran unha perda de tempo”.

O Regulamento de Participación do Concello de Ourense recolle que ás xuntas de área poderá asistir con voz “un representante dos cidadáns para se informar dos asuntos de interese xeral e do seu ámbito de actuación”. Será nomeado polo alcalde a proposta da federación de veciños polo período dun ano ou o tempo que se estableza na proposta.