A deportista forma parte do equipo Segle XXI e milita na Selección Española Feminina sub-18.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu á xogadora de baloncesto ourensá campiona de Europa, Paula Ginzo, no Pazo Provincial. A ourensá Paula Ginzo, xogadora do equipo Segle XXI, milita na selección española feminina sub-18 que se proclamou campioa de Europa no Zlatorog Sport Centre de Celje (Eslovenia) tras derrotar na final a Francia (60-76).
Durante o encontro Manuel Baltar, ademais de felicitar a Paula Ginzo polo campionato de Europa, recoñeceu “a traxectoria e éxitos deportivos dunha verdadeira campiona”.
O baloncesto feminino en Ourense, tal e como manifestou o presidente provincial, “ten un gran pasado, bo presente, e magnífico futuro con persoas como Paula Ginzo que se converten en referentes para a mocidade ourensá”. E, nesa mesma liña engadiu, “o ascenso do COB á Liga ACB, ratifica a importancia deste deporte na nosa provincia”.
Manuel Baltar salientou a actitude e aptitudes de Paula Ginzo, que foi determinante nun deporte de equipo como o baloncesto que fala alto e claro de valores como a disciplina, o sacrificio e a competitividade.