A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda denuncia a ausencia de política preventiva de incendios da Xunta e do Estado e reclama protección da Rede Natura para condicionar os fondos europeos a unha política de prevención realista.
Miranda presentou, a través da coalición “Os Pobos Deciden”, unha iniciativa urxente dirixida á Comisión Europea para alertar da “gravísisima situación que vive Galiza” coa vaga incendiaria dos últimos días e reclama da Comisión Europea esixir maior protección á Xunta e ao Estado dos espazos da Rede Natura 2000.
O BNG transmitiu ao Executivo comunitario que os incendios rexistrados estes días está a ter “consecuencias catastróficas” que afectan gravemente á disposición dos recursos forestais e naturais, e dada a recorrencia coa que suceden, explica Ana Miranda, “son causa dun severo dano crónico nas condicións ecolóxicas e de biodiversidade”.
Na iniciativa parlamentar, a nacionalista denuncia que son poucos os territorios de Europa que sofren tal repetición de lumes, circunstancia que evidencia, ao seu entender, “o fracaso absoluto” do deseño e aplicación das medidas de xestión despregadas polos Gobernos galego, español e europeo.
Galiza ten un tipo de condicións climáticas e fitoxeográficas que xeran en ciclos moi curtos grandes cantidades de biomasa, polo que constitúe dentro do continente europeo unha das nacións de maior risco por incendio, fenómeno que ademais vese agudizado cos efectos da mudanza climática.
A Rede Natura gravemente afectada polos incendios
Ana Miranda denuncia o fracaso do modelo de prevención de loita contra o lume, que se agrava aínda máis nos espazos protexidos da Rede Natura 2000, xa que estas áreas europeas aparentemente protexidas polo seu alto valor ecolóxico, e que a priori contarían con plans e programas específicos para garantir maiores cautelas de protección, padecen importantes lumes que son catastróficos no territorio galego.
O BNG transmite nesta iniciativa europea que no que vai do 2015 arderon na nosa comunidade 1.885.92 hectáreas de Rede Natura 2000 repartidos en nove Zonas de Especial Protección (ZEC) (segundo os datos oficiais que poden ser incluso o dobre segundo fontes de organizacións ecoloxistas). Tan só neste presente mes de agosto, explica a portavoz do BNG en Bruxelas, queimáronse 1.650 hectáreas. Os ZEC afectados son os de Pena Trevinca, Pena Maseira, Ancares-Courel, Baixa Limia, Macizo Central, Serra do Careón, Sobreirais do Arnego, Sistema Fluvial Ulla-Deza. De especial preocupación é o que acontece na Baixa Limia que acumula ata 4 lumes no que vai de ano, ou os enormes lumes nos Ancares e no Courel, cuns danos graves sobre Hábitats Prioritarios e para especies ameazadas coma o oso, o lobo ou a aguia real.
A nacionalista reclama á Comisión Europea instar aos Gobernos galego e do Estado revisar o modelo de planificación e xestión dos incendios en Galiza e que condicione os fondos europeos da Rede Natura 2000 a unha “efectiva, urxente e realista protección desta rede europea”.