Visita cirurxián vascular ao CHUO

O Servizo de Cirurxía Vascular do complexo hospitalario ourensán recibiu a visita de Hiranya Rajasinghe, un dos máis reputados cirurxiáns desta especialidade.

 

Os profesionais do Servizo de Cirurxía Vascular do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, recibiron este xoves a visita dun dos máis recoñecidos cirurxáns no eido da patoloxía vascular, Hiranya Rajasinghe, especialista en Cirurxía Vascular do NHC Downtown Hospital Naples (Florida) e Presidente da Florida Vascular Society, para afondar na nova técnica da endoprótese aórtica para o tratamentos dos aneurismas.

O Servizo de Cirurxía Vascular do CHUO incorporou a súa carteira de servizos, xa fai dous anos, a técnica da endoprótese aórtica fenestrada para o tratamento do aneurisma da aorta toraco-abdominal e a enfermidade vascular renal. Este procedemento permite o tratamento percutáneo dunha patoloxía complexa que afecta á arteria máis importante de todo o corpo e asemade as súas principais ramas a nivel abdominal. O CHUO sitúase entre os cinco hospitais de España con máis experiencia en cirurxía aórtica complexa.

Polo tanto supón unha alternativa para a cirurxía aberta e que é moi útil en pacientes con risco e de idade avanzada. Esta técnica diminúe o tempo de estancia na Unidade de Coidados Intensivos dun paciente con esta patoloxía xa que minimiza o sangrado. Mediante este procedemento exclúese o aneurisma que afecta á aorta cunha prótese que leva uns pequeno orificios a través dos cales libéranse os stents que forran a aorta o que impide que o aneurisma creza e poida romper.

Esta técnica ten unha efectividade comparable á cirurxía aberta e diminúe tamén en gran medida a taxa de mortalidade.