Descubrimos Xeitura, unha cooperativa encargada da Xestión Integral do Patrimonio Cultural.
Os historiadores ourensáns Martiño Vázquez e Manu Gallego puxeron en marcha en 2011 Xeitura. A eles sumóuse en breve Begoña Garrido. Xuntos ofrecen actividades nas que arqueoloxía, turismo e formación se dan a man para poñer en valor o patrimonio que nos rodea e que moitas veces descoñecemos.
Como nace Xeitura?
Manu Gallego: “Imaxina a dous licenciados en Historia en paro, con conversas sobre as nosas inquedanzas. A idea xurdíu de min e Martiño. Eu son de Allariz e vía carencias no ámbito turístico, e el estaba canso de bolsas e quería comezar unha aventura empresarial no ámbito da arqueoloxía. Comezamos a darlle forma ás dúas ideas e de aí naceu a idea da cooperativa, Xeitura, dedicada á xestión integral do patrimonio cultural e de dividila en tres ámbitos: arqueoloxía, con traballos de documentación e investigación; difusión, máis preto do turismo; e, como coñeciamos a Begoña ela era a parte que nos faltaba, da formación e a didáctica. Foi a engranaxe perfecta. A misión da empresa é difundir o patrimonio dándolle un xiro para facelo atractivo”.
Que tipo de actividades tendes feito?
M.G.: “En Allariz fixemos un taller de arqueoloxía, porque quixemos unir a ruta que eu fago en Armea, coas escavacións da Universidade de Vigo e coa formación dos cativos. Buscamos sempre que o que gañe sexa o visitante, ou os participantes nas actividades. Foi un éxito, participaron 40 nenos do programa de Concilia Verán do Concello de Allariz e marcharon encantados.
En Armea facemos rutas con pequenos, adultos e avós, e todos gozan delas, non hai maneira de quitarlles a paleta teñan a idade que teñan (ri). Pero iso danos pistas de que Armea, Santa Mariña de Augas Santas, é o lugar perfecto para estas cousas.
Ademais, sempre facemos grupos reducidos para ofrecer un trato personalizado, e como nós nos sentimos parte do patrimonio que estamos dando a coñecer facemos o traballo con agarimo. Así é máis lento que te coñezan, pero cremos que é máis efectivo, porque a xente así goza da visita connosco”.
B.G.: “E eles descobren o patrimonio que teñen ao lado e nin sabían del. Eu creo que en Galicia fáltanos por dar un paso nese aspecto, porque temos o concepto de que esas visitas a monumentos históricos son aburridas, e logo divírtense. Pero estamos formando ás novas xeracións para que o vexan doutra maneira, e xa o defenden e o coidan eles mesmos. E Xeitura é iso, tres historiadores preocupados por poñer en valor un patrimonio que está esquecido, e non é que faga falla moita inversión porque o recurso xa o tes, só tes que ensinalo. E logo xerará riqueza”.
Que novas iniciativas estades preparando a curto prazo?
B.G.: “Continuaremos coas actividades extraescolares, que están centradas en dous ámbitos: de humanidades e de ciencias, e nelas fálase de historia e fanse experimentos, de forma que os rapaces aprenden tocando, e así gozan aprendendo. E con este tipo de actividades os pais cóntannos que logo cando están no curso escolar recoñecen cousas que trataron connosco. Porque eu particularmente céntrome en aspectos que sei que non van a dar na educación regrada, para que sexa un complemento.
Para estas actividades só teñen que contactar con nós as ANPAS”.
Como foron estes primeiros anos?
M.G.: “Dende este verán notamos un pequeno incremento na demanda, pero pouco a pouco”.
B.G.: “Creo que coincide con que pasamos a ter un local en Allariz e ter presenza física axuda moito. Pero o certo é que dedicamos moitas horas pero non somos conscientes do tempo porque nos divertimos moito co noso traballo e gozamos del, e cremos que iso se nota no que facemos”.
A que se debeu a decisión de trasladarvos a Allariz?
B.G.: “Queriamos estar máis visibles e chegamos a unha colaboración co Concello, eles facilítannos o local e a cambio nós organizamos visitas guiadas e obradoiros para nenos sobre o medio ambiente, rutas polo Arnoia… Creamos oferta para familias, porque parecía que se tiñas cativos non tiñas oferta turística, así gozan pais e nenos”.
Enviade unha mensaxe aos nosos lectores.
B.G.: “Se alguén está interesado en coñecer a nosa actividade ou organizar iniciativas similares ás que facemos en Allariz ou Celanova noutros puntos da provincia acá estamos, hai moito patrimonio para pór en valor en Ourense e nós adaptámonos ás necesidades culturais que teñan”.