O Concello destina 350.000 euros no total de axudas e non desbota ampliar a cifra para que ninguén que cumpra os requisitos quede sen recibilas.

A Concellería de Asuntos Sociais de Ourense vén de publicar as listas de persoas admitidas no expediente de ‘Subvención en especie para a adquisición de libros de texto e material escolar e comedor’ para o exercicio 2015/16. O departamento que dirixe Sofía Godoy destina estas axudas ás familias en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo do Concello de Ourense que teñan menores ao seu cargo escolarizados en centros públicos ou concertados do Concello de Ourense, e nos que non se segregue os alumnos por sexo. A propia concelleira a firma que estas axudas “concederanse a todos os que as soliciten e cumpran os requisitos, independentemente da partida destinada: non hai ninguén en risco de exclusión social que vaia quedar sen axuda”.

Asuntos Sociais, que ten reservados 350.000 euros do seu orzamento, repartirá as axudas do seguinte xeito: Para libros e material escolar (para Educación Infantil, dos 3 aos 5 anos): 90 euros por alumno de 1º curso, 110 euros para os de 2ª e 125 € para os de 3º.

No tocante á contía de comedor escolar (para as idades de Educación Infantil, Primaria e ESO, dos 3 aos 15 anos), o Concello asumirá a totalidade do custe para os nenos que asisten aos centros públicos, e 45 euros por mes aos que asisten aos concertados, tendo obriga os pais de facer fronte ao pago da diferenza. En total, foron 714 as familias solicitantes de axuda para este curso. Individualmente, pedíronse 412 bolsas de libros e 870 bolsas de comedores, 1.282 solicitudes en total, o que supón un significativo descenso respecto ás cifras do exercicio anterior (1.505).

As listas provisionais pódense consultar nas seguintes dependencias municipais: nas Unidades de Atención da Concellería de Asuntos Sociais en A Ponte (Centro Cívico), na UNIS Centro da rúa Bernardo González Cachamuíña, na UNIS O Couto de Francisco de Moure.2, no Centro Cívico da rúa Colón, e nas dependencias de Benestar Social da rúa Bispo Carrascosa. Ademais, as listas pódense consultar na web do Concello de Ourense (ourense.es).

Todos os expedientes nos que falte información e os excluídos por incumprimento teñen un prazo de 10 días a partir do día seguinte á publicación das listas (ata o 25 de agosto incluído) para achegar a documentación acreditativa ou presentar as alegacións que consideren oportunas

Logo deste prazo, volverán publicarse as listas cos expedientes admitidos, os denegados e os que fican en lista de espera.