Comité en Defensa do Monte Galego

O CDMG esixe un cambio na política forestal e de xestión do medio rural da Xunta.

 

O Comité en Defensa do Monte Galego (CDMG) denunciou publicamente este venres «a falta de prevención e o abandono dos ecosistemas da provincia de Ourense, por parte da Consellería de Medio Rural» e que o único sistema de prevención real con que conta a Xunta «seguen a ser os condicionantes meteorolóxicos».

Membros deste Comité despregaron unha pancarta en Bobadela, diante dalgúns dos montes que arderon na cidade nestas últimas semanas. Neste acto o CDMG esixiu que mude a política forestal e de xestión do medio rural da Xunta «para rematar con esta situación catastrófica que se produce por enésima vez». E é que neste 2015, explicaron, «levamos na provincia centos de incendios con miles de hectáreas calcinadas, con especial incidencia en zonas de Rede Natura (Pena Trevinca, Macizo Central, Xurés – Castro Leboreiro, Ribeira Sacra…)».

Achacan esta situación á falla de prevención e de políticas forestais axeitadas, así como ao abandono do medio rural, que consideran se debe a unha actitude «premeditada» de desmantelamento dos servizos públicos forestais, a unha falla de traballos de prevención «en tempo e forma» no inverno e na primaverae; e a unha falla de política de recuperación e posta en valor do rural.

Salientan desde o Comité que esta políticia forestal ten un custo «inasumible», poñendo por exemplo o custo do incendio en Palmés, no pasado mes de xullo, que necesitará como mínimo unha achega de 5.000 euros por hectárea para asumir os custos de repoboación, rexeneración, perdas por erosión e gastos de extinción. É dicir, para un incendio de 216 hectáreas as perdas iniciais serían superiores ao millón de euros, calculan.

[Fotografía do Twitter de Anova Ourense]