Reunión do Concello de Verín con técnicos da CH Duero

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o concelleiro de Medio Ambiente, Elías Taboada e o concelleiro de Servizos Públicos, Julio Vieitez, reuníronse na casa consistorial con técnicos da Confederación Hidrográfica do Douro.

 

Nese encontro analizaron as afeccións do río Támega derivadas dos aumentos de caudal en época de chuvias.

Na reunión, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane expuxo aos técnicos da Confederación Hidrográfica a necesidade de crear un plan director de acondicionamento integral para o río Támega. Para Seoane é necesario que todos os organismos (Concello de Verín, Rede Natura, Ministerio de Medio Ambiente, Confederación Hidrolóxica do Douro e Augas de Galicia) implicados no coidado, adecuación e protección do rio se organicen e actúen de xeito conxunto. Tamén se fixo alusión á necesidade de executar accións inmediatas en varias zonas do río que se encontran cheas de depósitos de grava e de restos de vexetación arbórea e arbustiva podre.

Pola súa banda, José Manuel Herrero, encargado de obras da Confederación Hidrográfica do Douro, mostrou a súa total colaboración co Concello para axilizar os trámites e poder comezar coas accións de limpeza e adecuación no Támega o antes posible. Herrero asegurou que, como acción inmediata, vaise realizar unha limpeza da maleza e árbores mortos depositados nas marxes no río como medida preventiva para evitar a xeración de tapóns causantes, en moitos casos, de graves inundacións. Dende a Confederación Hidrográfica do Douro tamén aseguraron que se tomarán medidas, o antes posible, para permitir retirar a grava depositada en varias zonas de río Támega ao seu paso por Verín.

.