Dunha banda «Estamos no verán» para os menores que acudan ás piscinas da Granxa, doutra a actuación de tres grupos internacionais nas Xornadas de Folclore.

 

Este sábado, ás 18 horas, celebrarase nas piscinas da Granxa de Verín o espectáculo «Estamos no Verán». Nesta actuación, enfocada principalmente a cativos de 6 a 12 anos, os menores están convidados a cantar e bailar mentres gozan do espectáculo. O acto enmárcase na programación de Camiños da Cultura 2015, que organizan e patrocinan o Concello de Verín e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Xoán Curiel e a banda Son+d2 recrea  «Estamos no verán» nun espectáculo de danza, música e elementos de teatro, que se caracteriza por facilitar a participación activa e constante do público. Bailes e cancións, divertidas e entrañables, convidan aos pequenos a unha viaxe musical desde que soa o derradeiro timbre do cole en xuño até o primeiro timbrazo de setembro.

Xornadas do Folclore

Na mesma xornada do sábado, pero pola noite, a partir das 22:30 horas, a praza García Barbón acollerá o festival das XXXII Xornadas do Folclore, no que participarán grupos de Taiwán, Brasil e Rusia. O acto está promovido pola Deputación Provincial de Ourense, coa patrocinio da Consellería de Cultura e a colaboración do Concello de Verín.

A Taiwan Youth Dance Company (Taichung – Taiwán), o Grupo Folclórico Aruanda (Belo Horizonte – Brasil) e a Exemplary Choreographic Ensemble Druzhba (Arkhangels – Rusia) serán as compañías que actúen nesta exhibición de danzas tradicionais e populares do mundo. Para acollelas, o Concello de Verín instalará un escenario de 120 metros cadrados e máis de 1.000 asentos en cadeiras e bancadas móbiles, convertendo a praza García Barbón nun auditorio ao ar libre.