Esta actuación lévase a cabo no marco do Plan Renove de Estación de Autobuses de Galicia, co investimento de 50.000 euros.

 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, inicia o luns, 17 de agosto, as obras para a mellora de accesibilidade, instalacións das estacións de autobuses de Ourense. A Dirección Xeral inviste máis de 50.000 euros nestes traballos, que teñen por obxectivo mellorar e modernizar a rede de estacións de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

Así, para mellorar a accesibilidade da estación da cidade das Burgas repararanse e colocaranse varios apoios isquiáticos na zona de dársenas, para facilitar á espera aos usuarios sen necesidade de sentarse e tamén se colocarán varios bancos. Tamén se mellorará a instalación coa reparación do pavimento de formigón de entrada ás dársenas. As obras prolongaranse por un período de tres meses.

Plan Renove
Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma. O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e implica a licitación de obras por importe de 1,8 millóns de euros para mellorar a accesibilidade, instalacións e sistemas de información de 25 estacións de autobuses.