O director xeral de Administración Local visitou a actuación, que se fixo ao abeiro dunhas axudas para mellorar infraestruturas e equipamentos municipais.
O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, visitou Beade para coñecer de primeira man as actuacións de mellora do alumeado público feitas no concello ao abeiro dunhas axudas da Vicepresidencia.
Pazos Couñago, que estivo acompañado do alcalde de Beade, Senén Pousa, explicou que este concello ourensán recibiu 40.000 euros a través dunha orde de subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.
Os traballos consistiron fundamentalmente na substitución do cableado aéreo do interior do núcleo de Beade por outro máis novo, o que permitiu aumentar a calidade do servizo prestado e subsanar as anteriores deficiencias de funcionamento. Ademais, esta medida producirá un aforro nas arcas municipais, ao reducir os continuos custes de reparación.
Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Este programa, ao igual que a Xunta, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.