Protesta da BRIF de Laza en Ourense

Os peóns cobran 900 euros ao mes, incluído o plus de perigosidade.

 

O recoñecemento da categoría de bombeiro forestal, a segunda actividade e condicións salariais “dignas e acordes ao posto de risco” que desempeñan son as demandas que este martes os 50 peóns que compoñen a BRIF de Laza trasladaron á capital ourensá. Tanto eles como os seus compañeiros das outras nove brigadas helitransportadas de reforzo de incendios forestais que hai no Estado levan xa tres semanas en folga indefinida, sen que polo momento a empresa de que dependen, Tragsa, atendera as súas reivindacións.

Explicaba un dos brigadistas, Kiko Pousa, a precariedade das súas condicións salariais. Reciben un soldo de apenas 900 euros netos ao mes, nos que xa van incluídos “tres euros diarios por extinción no que nos meten perigosidade, toxicidade…”, por un traballo que inclúe enfrontarse a pé ao fronte das lapas ou montar en helicóptero. No sector os salarios oscilan entre os 11 ou 12.000 euros brutos anuais ata os máis de 30.000 euros que cobran os bombeiros da Comunidade Valenciana, apuntaba outro compañeiro, Miguel Ángel Pereira.

“Tivemos xente intoxicada por fume de gravidade, porque intoxicacións e dores de cabeza temos todos os días”, relataba Pousa, quen agradecía o apoio dos brigadistas da Xunta de Galicia e tamén a compresión da sociedade.

Entre as súas demandas tamén está a segunda actividade ao chegar a unha certa idade, 50 ou 55 anos. “Temos que pasar unhas probas físicas todos os anos, no momento en que non as pasamos bótannos á rúa”, apunta o peón da BRIF de Laza.

A protesta, na que participaron unha vintena de brigadistas, partiu do parque de San Lázaro e tras percorrer varias rúas do centro da cidade rematou no barrio da Ponte fronte á sede da empresa Tragsa. Unha empresa pública que recibe unha adxudicación directa do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a extinción e prevención de incendios cun valor aproximado de 25 millóns de euros.