O alcalde agradece o apoio de PSOE e Ourense en Común e di non entender o cambio de postura de Democracia Ourensana.
Finalmente serán só PP, PSOE e OUeC os que asinen unha carta remitida ao ministro de Cultura para demandar máis partida nos orzamentos para o Museo Arqueolóxico . A fronte común que se intuía trala xunta de voceiros do pasado venres diluíuse ao desmarcarse Democracia Ourensana.
O alcalde, Jesús Vázquez, quixo agradecer a postura de cooperación de OUeC e PSOE e, pola contra, dixo non entender a decisión de DO, “esta postura de última hora de ver o que non hai ou de afastarse dun traballo conxunto”. O mandatario popular cre que “a cidadanía estaba esperando este tipo de xestos, de poder traballar entre todos, e ver que por riba das propias siglas están a defender os intereses da cidade”. E será esa dinámica de “buscar consensos” a que siga aplicando no futuro o seu goberno.
Desde Ourense en Común presentaron varias emendas ao borrador do texto orixinal, «co fin de dignificar o labor exercido dende o Museo Arqueolóxico Provincial», pero súmanse «sen condicións» á
reivindicación para desbloquear máis dunha década de peche. Asemade, a «marea» ourensá asegura que non pretenderá nunca «sacar rédito electoral en temas nodais e estratéxicos para o futuro do concello». «A nosa aposta é firme en prol da investigación, conservación e recuperación do patrimonio local (arqueolóxico, natural, histórico, artístico…). Calquera proposta neste sentido contará co apoio da organización», aseguran.
Canto ao PSOE, malia o apoio á carta, o voceiro suplente socialista, José María García Tejerina, quixo deixar claro que o seu grupo “no va a ejercer como soporte del PP para conseguir la gobernabilidad del concello” e tamén aproveitou a ocasión para criticar a Jesús Vázquez. Así, recordou que foi o conselleiro de Educación e Cultura nos últimos cinco anos, nos que o desenvolvemento do Museo Arqueolóxico estivo “paralizado”.
Parálise que negtou o alcalde defendendo que “o traballo que non se fixo por parte do PSOE na corporación se fixo reclamando os dereitos desta cidade por parte da Xunta e da Consellería” sendo el conselleiro. En particular, dixo, “en todas as visitas a Madrid se lle demandaba reiteradamente ao Ministerio, xa na época anterior e co goberno popular, o reinicio destas obras”. Froito das súas xestións, recalcou, reabriuse o Claustro de San Francisco, reiniciáronse as obras da Biblioteca e do Arquivo e se elaborou o proxecto básico do Arqueolóxico. “Quen mantivo máis reunións foi o conselleiro reclamando o que entendíamos que era xusto nese momento”, remachou.
O PSOE quere máis
Este mesmo martes o PSOE remitiu á Alcaldía un escrito “en términos similares” á carta sobre o Museo Arqueolóxico, que reclama “una modificación de los PGE que permita el comienzo de la ejecución de la estación intermodal y de la integración urbana de la alta velocidad”.
Na carta socialista, que se dirixe aos Ministerios de Fomento e de Economía e aos deputados ourensáns no Congreso, solicítase un cambio nas previsións económicas dos Orzamentos do Estado para 2016, cunha partida específica e suficiente para iniciar nese ano a execución material da estación intermodal e da integración do AVE na cidade.
“Es un proyecto que favorece a la ciudad y entonces pedimos lo mismo que nosotros apoyamos en el Arqueológico”, explicaba o concelleiro socialista José María García Tejerina. O voceiro suplente do grupo municipal socialista insistía que “hay que ponerse manos a la obra” porque a chegada do AVE está prevista para 2018; “quedan dos años y medio”.
Esta petición socialista foi respostada en positivo polo propio rexedor pouco despois. “Todo o que sexa a defensa dos intereses de Ourense con nós van a contar”, dixo Vázquez. “Todo o que poida vir a maiores e que signifique para a cidade investimento e posiblidades de futuro nós imos asinar unha, dúas ou catro cartas”, recalcou, pois, engadiu “con independencia de que estea un partido ou outro en Madrid, creo que deben defenderse os intereses da cidade”.