Esta antiga instalación atópase nunha parcela preto da estrada OU-933, que une A Rúa con Roblido, aproximadamente a 2 km da primeira localidade.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezará o vindeiro luns as obras de clausura do vertedoiro controlado de residuos da Rúa, que suporán un investimento de máis de 406.684 euros. Trátase dunha actuación que suporá unha mellora ambiental significativa na zona, que será recuperada para que quede integrada na paisaxe.
Este proxecto, que ten un prazo de execución de catro meses, centrarase no selado do antigo vertedoiro, e no traslado dunha parte dos residuos ao novo vertedoiro construído pola Xunta no ano 2010, que é explotado dende aquela data polo concello ourensán. Estas novas instalacións están situadas a uns 600 metros do antigo vertedoiro.
O obxectivo desta actuación é evitar a vertedura incontrolada de residuos, ao tempo que se reducen os potenciais riscos para a saúde pública, a paisaxe e o medio ambiente. Ademais, esta actuación permitirá rexenerar a zona afectada, de xeito que quede integrada de novo no medio e na contorna para beneficio dos cidadáns.
O vertedoiro que se vai clausurar está situado nunha parcela preto da estrada OU-933, que une A Rúa con Roblido, aproximadamente a 2 km da primeira localidade. Esta instalación ocupa unha superficie de 8.812 m², englobada nunha parcela municipal de aproximadamente 15.000 m².
Estas instalacións, que xa esgotaron a súa capacidade, permanecen inactivas na actualidade, polo que se debe acometer a súa clausura en condicións de seguridade ambiental de acordo coa normativa de referencia na materia Tal e como se explicou anteriormente, parte dos residuos industriais inertes serán trasladados ao novo vertedoiro, mentres que outra parte, a máis compactada e integrada no vertedoiro que se vai clausurar, será recolocada e selada no lugar.
A actuación de selado do vertedoiro esgotado concíbese como unha recuperación ambiental do espazo que ocupa e da súa contorna, e como accións máis destacadas comprende a retirada de voluminosos, o reacondicionamento e recolocación de residuos ou a recuperación da topografía do terreo. Outras accións destacables son a restauración mediante cobertura de solos e implantación de cuberta vexetal e a integración ambiental e paisaxística.