Esta actividade lúdica e educativa foi promovida pola Concellería de Cultura en colaboración coa Deputación e a Fundación Seur.
Un total de 61 cativos do concello de Barbadás participaron esta mércores en Educamóbil, unha actividade promovida pola Concellería de Educación en colaboración coa Deputación Provincial e a Fundación Seur.
O autobús que alberga o proxecto Educamóbil estivo na Valenzá entre as 9 da mañá e a 1 do mediodía para ofertar actividades dirixidas a rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos.
No Educamóbil estiveron grupos de nenos que participan en campamentos no pobo de Sobrado e na Valenzá, este último os que organiza cada verán a Casa da Xuventude de Barbadás. Tamén acudiron a coñecer esta iniciativa lúdica e educativa algúns/algunhas cativ@s individualmente, acompañados dos seus pais e nais.
No Educamóbil ofrécense unha ampla gama de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, é dicir, xogos didácticos a través do ordenador, así como xogos relacionados coas manualidades ou o debuxo.
A concelleira de Educación, Marga Pérez, explica que “os principais obxectivos da actividade son propiciar a conciliación da vida familiar e laboral, así como completar e enriquecer o tempo de lecer dos nenos e nenas”. A música e a lectura foron outras das posibilidades que ofrece o Educamóbil para contribuir ao entretemento e diversión dos menores.