A entidade financeira e a Denominación de Orixe lanzan unha póliza de crédito que dá solución á necesidade máis urxente que agora ten o sector do viño: o cumprimento da Lei 12/2013.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e ABANCA asinaron unha nova liña de cooperación co obxectivo de facilitar o crédito aos viticultores e as bodegas da comarca de Monterrei. Ámbalas dúas entidades inician unha colaboración que pon a disposición do sector vinícola un amplo catálogo de produtos especificamente deseñados para eles.
Na firma participaron a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños, e o director de Banca Agro e Mar de ABANCA, Jesús Combarro Pereira.
O texto acordado senta as bases para tratar de atallar as principais preocupacións ás que teñen que facer fronte as bodegas e viticultores. Deste xeito, os profesionais que pertencen a esta D.O. poderán optar a unha póliza de crédito cun prazo de ata cinco anos que permite atender as exixencias da Lei 12/2013 en materia de cadea alimentaria. Esta regulación esixe pagos nun prazo máximo de 30 días e, con este produto as adegas poden facer fronte ao pago da uva aos viticultores dunha maneira flexible.
A firma deste convenio tamén responde ás necesidades de financiamento que teñen algunhas bodegas para as súas exportacións. Estas operacións, que rexistraron importantes incrementos nas últimas campañas, contribúen a proxectar e consolidar a imaxe internacional da denominación.
Pequenos produtores
O convenio tamén pretende dar resposta aos pequenos produtores, que optan a un financiamento adaptado ás súas necesidades. Deste xeito, a entidade financeira ofrecerá alternativas en anticipos de subvencións sen comisións para que os viticultores obteñan crédito segundo as súas necesidades. O acordo tamén inclúe outros produtos como confirming, convenios oficiais do ICO ou Igape ou seguros, adaptados a cada cliente.