O Centro Empresarial Transfronteirizo ofrece ao longo do mes de setembro un amplo abano de formación dirixida a empresarios e emprendedores.
O Concello de Barbadás ten previsto realizar no vindeiro mes de setembro diversas actividades formativas dirixidas tanto a comerciantes como a empresarios, emprendedores ou a outros veciños que queiran participar. Estes cursos, de carácter gratuito, serán impartidos no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.
O vindeiro 7 de setembro, de luns a venres, en horario de 20 a 22 horas dará inicio un curso sobre “Escaparatismo e decoración” de 20 horas de duración. Un curso indispensable para os comerciantes, xa que, hoxe en día, a presentación dos productos no punto de venda converteuse nun aspecto fundamental para calquera empresa que queira distribuir con éxito os seus produtos.
A continuación, os días 17 e 18 de setembro, en horario de 16:30 a 19:30 horas, terán lugar unhas xornadas sobre “Prantas aromáticas”, estas xornadas veñen a ser continuación das celebradas en xuño sobre “Agricultura Ecolóxica”.
Para rematar a programación formativa do mes de setembro, abordarase a «Fiscalidade de pequenas e medianas empresas». Este curso impartirase dende o 21 de setembro, de luns a venres, en horario de 20 a 22 horas, e terá unha duración de 20 horas.
A inscrición nestas actividades pode facerse a través do enderezo electrónico cet@barbadas.es, no teléfono 988 360413 ou achegándose ás oficinas do CET.