Presidentes deputacións Ourense e Zamora

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial á presidenta da Deputación de Zamora con quen asinou o compromiso de cooperación entre os dous gobernos provinciais.

 

As deputacións de Ourense e Zamora crearán unha rede interprovincial de comunicación e experiencias de xestión, “un instrumento co que se pretende poñer en común as grandes sinerxias existentes entre ámbalas dúas provincias co obxectivo de que poidan optimizar e racionalizar os recursos e establecer unha canle de colaboración permanente entre ámbalas dúas institucións nos ámbitos económico, do turismo, servizos aos concellos e medio ambiente, entre outros”. Así o explicou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen se reuniu no Pazo Provincial coa presidenta da Deputación de Zamora, María Teresa Martín Pozo, con quen asinou o compromiso de cooperación entre os dous gobernos provinciais, “dada a gran similitude existente entre ámbalas dúas provincias”, explicou o presidente provincial. Ao remate da xuntanza, a titular do goberno de Zamora foi convidada por Manuel Baltar a asinar no Libro de Honra da Deputación de Ourense.

A colaboración entre as dúas institucións provinciais vén a reforzar a idea expresada na “I Conferencia de Presidentes de Gobernos Provinciais”, celebrada en Ourense, na que se expresaba que a colaboración “servirá para achegar posturas e traballar de forma coordinada diante dun novo escenario de xestión local que se abre e que beneficiará aos pequenos concellos e aos seus cidadáns, con máis servizos e de maior calidade».

Pola súa banda, María Teresa Martín dixo con respecto a esta nova relación de colaboración que a Ourense e Zamora “úneas no só a chegada do AVE, senón tamén ámbitos culturais e turísticos e mesmo medioambientais, como a recente declaración da reserva da biosfera transfronteiriza”. “Hai moitas cuestións nas que hai que incidir –remarcou- e estou segura de que imos a colaborar; son partidaria de que cantas máis persoas participen nun proxecto máis posibilidades de éxito”.

Turismo

No que atinxe ao turismo as provincias de Ourense e Zamora teñen unha gran oportunidade para o futuro co AVE. A chegada da alta velocidade en Zamora será unha primeira oportunidade para ver o efecto positivo deste gran avance tecnolóxico no transporte, dados os grandes recursos turísticos que poden ser explotados. Ourense e Zamora traballarán en conxunto para que os recursos turísticos podan ser compartidos e se leven a cabo accións turísticas combinadas.

Economía e empresa

Manuel Baltar e María Teresa Martín coinciden en que un gran número de potencialidades comúns entre Ourense e Zamora poden converter a estas dúas provincias nunha zona de atracción e xeración de novos negocios tecnolóxicos. Deste xeito, as dúas institucións traballarán para aproveitar o horizonte 2020 de fondos europeos para captar proxectos e iniciativas empresariais que xeren un polo de actividade en I+D+i coa participación de actores nacionais e internacionais que atraian actividades empresariais.